Naturgy ofrece reembolsos aos seus clientes viaxeiros grazas a un acordo con Booking.com

luns, 24 de febreiro do 2020 Redacción

Naturgy e Booking.com, plataforma dixital de viaxes polo mundo, veñen de xuntar forzas para achegar vantaxes aos clientes de seu e, en palabras da operadora eléctrica, achegar “un valor adicional ás necesidades enerxéticas dos fogares en España”. En termos concretos, os usuarios de Naturgy terán, en virtude do acordo entre as empresas, unha ligazón propia a Booking.com para poder realizar reservas en aloxamentos con reembolsos.
Estes descontos nas viaxes irán até o 10% e teñen a vantaxe de ser acumulábeis con outras ofertas vixentes en Booking.com. Terán aplicación nun amplo abano de operacións: tanto para as reservas de apartamentos nunha cidade como en escapadas de fin de semana, tanto para fogares de vacacións en vilas concretas como para hoteis en cidades por motivos de traballo.
Este acordo enmárcase dentro da estratexia de transformación e impulso á dixitalización de Naturgy e constitúe, nas súas palabras, “un paso nas formas de conectar e establecer relacións cos clientes”.

PUBLICIDADE