Navegando o Futuro incentiva as vocacións tecnolóxicas e a innovación no sector naval

xoves, 1 de xuño do 2023 Redacción

CIS Tecnoloxía e Deseño, a Asociación Clúster Naval Galego (Aclunaga) e o portugués Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalmecánica (CATIM) veñen de pór en marcha Navegando o Futuro, un proxecto europeo para consolidar a transición tecnolóxica e promover a innovación no sector naval da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O obxectivo é atraer novos talentos, así como a capacitación de mandos intermedios para a adquisición de tecnoloxías avanzadas que contribúan a transformar o tecido empresarial naval.
Neste sentido, organizaranse distintas accións: sesións divulgativas para estudantes, dous bootcamps e un evento dirixido a tecnólogos, startups e empresas tecnolóxicas sobre solucións accesibles para pemes do sector. Mañá venres, no CIS Tecnoloxía e Deseño, comezará a primeira das oito xornadas learning by doing dirixidas a estudantes de centros de formación profesional e de educación superior e coas que se busca sumar novas vocacións tecnolóxicas ao sector para garantir a remuda xeracional.
Nestes cursos coñecerán de preto os demostradores desenvolvidos no proxecto Manufactur 4.0 para achegarse dunha forma práctica ás tecnoloxías que marcarán o futuro do naval. En concreto, os participantes poderán coñecer o uso e aplicación da realidade virtual e aumentada, do control dimensional sen contacto e da fábrica virtual.
Navegando o Futuro contempla tamén o desenvolvemento de dous bootcamps, que terán lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño e na sede de Porto do CATIM. Están destinados a mandos intermedios de pemes do naval para dotalos de competencias de cara á adopción de decisións de compra sobre tecnoloxías complexas.
O proxecto, financiado por fondos Feder no marco do programa POCTEP 2014-2020, concluirá cun hackathon no que tecnólogos, startups e microempresas tecnolóxicas propoñerán solucións para facer accesibles as tecnoloxías 4.0 ás pemes da industria naval con menores recursos financeiros e humanos.

PUBLICIDADE