Netflix ameaza con denunciar a ByteDance pola vulneración dos dereitos das súas series

xoves, 19 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Numerosos vídeos recrean finais alternativos da serie Stranger Things acumulando millóns de reproducións

Tras reclamacións por parte da Disney, a MPAA e o sindicato SAG-AFTRA por mor da vulneración masiva do copyright por parte do modelo de xeración de vídeo Seedance 2.0, dende ByteDance aseguraron que ían introducir salvagardas que impedisen esas prácticas, pero nas plataformas de redes sociais non cesan de publicarse vídeos xerados con tal tecnoloxía empregando personaxes de películas e series de televisión con total impunidade, o que levou a Netflix a remitir á compañía chinesa unha carta de cese e desistencia.
Segundo o documento, asinado por Mindy LeMoine, directora de Litixios de Netflix, a compañía acusa a ByteDance de permitir que Seedance actúe como «un motor de pirataría de alta velocidade», ao xerar obras derivadas non autorizadas baseadas en contidos orixinais da plataforma.
A empresa de Reed Hastings sinala que existen probas forenses que apuntan á xeración masiva de recreacións de series e producións propias. Entre os exemplos citados figuran representacións non autorizadas de contidos dos Bridgerton (incluíndo escenas dun baile de máscaras e o vestido Lady in Silver do personaxe Sophie Baek), recreacións de alta fidelidade do final de Stranger Things (con aparición de Demogorgons e do Devoramentes), reproducións dos escenarios e da boneca Young-hee de El Juego del Calamar, así como imitacións do estilo visual e dos deseños de personaxes do filme animado Las guerreras K-pop.
Netflix asegura que nunca autorizou o uso dos seus contidos para adestrar ou alimentar o modelo e sostén que estas prácticas constitúen tanto infracción directa como secundaria do copyright. Ademais, rexeita que poidan quedar amparadas pola doutrina do fair use, especialmente ao tratarse, segundo indica, dun produto comercial competidor que «regurxita o orixinal».
No apartado de esixencias, a compañía reclama catro medidas inmediatas: a implementación de barreiras técnicas que impidan a xeración de contidos semellantes ás súas obras protexidas; a eliminación do material de Netflix dos conxuntos de datos de adestramento e das creacións xa xeradas; a identificación de todas as infraccións producidas; e a revogación do acceso a terceiros que empreguen Seedance para producir derivados non autorizados.
De non recibir resposta rapidamente Netflix iniciaría accións xudiciais contra ByteDance, algo que tamén podería facer Sony e Warner, compañías que tamén remitiron sendas cartas de cese e desistencia por considerar que o conglomerado chinés está a vulnerar os seus dereitos de propiedade intelectual pese a ter prometido tomar medidas para evitalo.
Temos así que practicamente todos os xigantes do audiovisual están a posicionarse contra a tecnoloxía de Seedance 2.0, aínda que non sería de sorprender que ByteDance frease rapidamente a xeración de contidos que vulneran o copyright por considerar que xa cumpriron co obxectivo de converter a súa tecnoloxía de xeración de vídeo en todo un referente global, constatando que os modelos chineses son os novos líderes no sector.