Netflix engade soporte de HDR para os novos iPhone

venres, 22 de setembro do 2017 Marcus Fernández

JPEG - 89.1 KB
A pantalla do iPhone X soporta a tecnoloxía de HDR Dolby Vision

Aínda que a tecnoloxía HDR a asociamos normalmente a televisores 4K, nos últimos meses está a chegar a dispositivos móbiles, e dende Netflix saben tirar proveito diso, e xa que este tipo de contido está restrinxido ao seu plan máis caro, ven atinado ampliar rapidamente o número de dispositivos soportados para animar aos subscritores a contratar o plan premium (que inclúe contidos en ultra alta definición e permite até 4 reproducións simultáneas).
Inicialmente vimos como o LG G6 era o primeiro dispositivo en soportar Dolby Vision coa aplicación de Netflix, para logo chegar o LG V30, o Sony Xperia XZ1, o Sony XZ Premium e o Samsung Galaxy Note8; e agora temos que Netflix vén de activar o soporte de Dolby Vision para o iPhone 8, o iPhone 8 Plus e o iPhone X, de xeito que os usuarios dos últimos produtos de Apple xa poden tirar proveito da calidade das súas pantallas consumindo series e películas á carta.
Cómpre lembrar que os contidos en 4K con HDR en Netflix e en calquera outra plataforma aínda son unha rara avis, limitándose principalmente a novas producións emblemáticas, xa que a incorporación destas tecnoloxías aínda é bastante cara e complexa, e en boa parte das ficcións suporía un esforzo que non valoraría o usuario final.

PUBLICIDADE