Netflix estrea unha nova ficción filmada en Galicia

mércores, 1 de outubro do 2025 Redacción

O vindeiro venres, Netflix estrea Animal, unha nova miniserie de comedia rodada integramente en Galicia e protagonizada polo galego Luis Zahera, coñecido polos seus papeis en Mareas Vivas, Entrevías e Vivir sin permiso. A produción, a cargo de Alea Media, mergúllase na vida de Antón, un veterinario rural que, afectado pola crise no sector agrario, vese obrigado a reinventarse profesionalmente ao aceptar un posto nunha boutique para mascotas dirixida pola súa sobriña Uxía.
A trama desenvolvese no ficticio Topomorto, construído a partir de localizacións reais en municipios da provincia da Coruña como Dioño, A Calle, Pontemaceira, Parroquia, Teo e Vedra, ademais de Santiago de Compostela. Este escenario serve de pano de fondo para unha historia que explora con humor as tensións entre tradición e modernidade, entre o mundo rural e os novos hábitos urbanos de consumo e coidado animal.
O elenco complétase con Carmen Ruiz (Amar en tiempos revueltos) e Antonio Durán Morris (Pratos Combinados, Fariña), mentres que a dirección corre a cargo de Alberto del Toro e Víctor García León, tamén guionista xunto a Ana Boyero, Araceli Álvarez de Sotomayor, Germán Aparicio e Daniel Castro. Aitor Gabilondo e Jota Aceytuno asinan a produción executiva.
Segundo Aceytuno, a serie nace dunha reflexión provocadora: «Se un extraterrestre nos observase desde o ceo, vería a millóns de humanos paseando ás súas mascotas, recollendo os seus excrementos, levándoas ao salón de peiteado e comprándolles xoguetes. Quen son realmente as mascotas?».
Animal propón unha mirada irónica e entrañable sobre a adaptación persoal e profesional nun contexto cambiante, onde o coidado animal se converte nun reflexo das novas dinámicas sociais. A serie promete conectar co público tanto pola súa ambientación galega como polo seu ton fresco e crítico.