Netflix ofrece o xogo Samurai Shodown aos seus subscritores

martes, 29 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O catálogo de xogos móbiles aos que poden acceder sen custo adicional os subscritores de Netflix segue a medrar, e para rematar o mes chegan 4 xogos de bastante peso, sendo o máis salientable o Samurai Shodown de SNK, un título de loita con espadas que recupera unha franquía de grande éxito en salóns recreativos, e que agora podemos gozar sen consola ou ordenador, directamente no noso smartphone ou tableta.
Este Samurai Shodown está dispoñible para a súa descarga en Android e en iOS, achegando un grande abano de personaxes que controlar, amosando uns coidados gráficos en pantalla e adaptando o seu control a pantallas táctiles.
Pero como comentamos, este título non chega so, senón que tamén se incorporan ao catálogo de Netflix os xogos para móbil LEGO Legacy: Heroes Unboxed (un xogo de rol de figuras de LEGO con combates por quendas), WrestleQuest (unha aventura ambientada no mundo da loita libre americana que destaca pola súa estética pixel art) e Cut the Rope Daily (unha revisión dun clásico xogo de quebracabezas, que ofrecerá un reto novo cada día).

Tráiler de Samurai Shodown para dispositivos móbiles