Netun Solutions nomea a Francesc Minoves como novo CEO
xoves, 24 de outubro do 2024
Netun Solutions, empresa galega de tecnoloxía ao servizo da seguridade con sede en Vigo e Madrid, anunciou o nomeamento de Francesc Minoves como novo CEO (director executivo) da compañía.
Segundo explicaron fontes da empresa, a chegada de Minoves, que substitúe a Jorge Costas no cargo, “busca reforzar o liderado de Netun Solutions e constitúe unha medida estratéxica para a compañía, que logrou a madurez empresarial e espera un crecemento exponencial durante o 2025, no marco da nova normativa que obriga a todos os turismos a equipar unha baliza conectada V16”.
Francesc Minoves é enxeñeiro industrial e conta cun MBA por IESE Business School. Anteriormente desempeñou cargos directivos en diversas empresas do sector financeiro e de tecnoloxía entre as que se atopan Barclays, Jeff e Biow.
“Síntome honrado de asumir o liderado de Netun Solutions nun momento crucial para a seguridade viaria en España. Coa próxima aplicación da lei que esixe luces V16 en todos os vehículos, reafirmamos o noso compromiso de proporcionar solucións que non só cumpran coa normativa, senón que tamén garantan a seguridade de todos nas estradas e faciliten a operativa dos condutores”, asegurou Minoves tras o anuncio do seu nomeamento.
Fundada en 2016, Netun Solutions nace co obxectivo de utilizar as tecnoloxías conectadas para mellorar a seguridade viaria. Cun capital 100% español, a empresa, ademais de comercializar a primeira luz de emerxencia conectada do mercado, desenvolveu Incidence, unha plataforma de xeolocalización de eventos e elementos nas estradas que permite, entre outras cousas, dixitalizar o proceso de asistencia.