Netun, seleccionada polo Parque Móbil do Estado para equipar a súa frota co seu dispositivo IoT

martes, 17 de decembro do 2024 S. P.

O Parque Móbil do Estado, organismo responsábel da Administración Xeral do Estado e dos seus órganos constitucionais, adxudicou á empresa galega de tecnoloxía ao servizo da seguridade viaria Netun Solutions a licitación para equipar toda a súa frota de vehículos coas balizas conectadas Help Flash IoT.
En total, o organismo público, adscrito ao Ministerio de Facenda, adquiriu 649 dispositivos luminosos que son xa o substituto legal dos triángulos de seguridade e que, en pouco máis dun ano, serán de uso obrigatorio.
Este anuncio coñécese tan só semanas despois de que a DXT tamén adquirise, a través dun proceso de licitación, 700 luces V-16 Help Flash IoT para equipar toda a súa frota de vehículos.
Pola súa banda, tamén outras entidades privadas, como a empresa Arval, fabricantes como Toyota e Volvo decidiron xa integrar as solucións de Netun Solutions nas súas operacións, o que, en palabras da empresa de Vigo, “marca o camiño cara a un futuro máis seguro e conectado nas estradas”.
Lembrar que Help Flash IoT é unha baliza de emerxencia cuxo obxectivo principal é salvar vidas na estrada, reducindo os atropelos que se producen cando, tras unha avaría ou accidente, o condutor e os ocupantes do vehículo abandonan o habitáculo para sinalizar a situación aos demais usuarios da vía. Estes dispositivos están equipados con tecnoloxía NB-IoT (Narrow-Band Internet Of Things) que lles proporciona conectividade. En caso de incidente, ao activar a baliza, envíase de maneira inmediata, automática e anónima unha notificación ao centro de control de tráfico da DXT indicando a localización exacta do vehículo e esta información é compartida en tempo real a través da Plataforma DXT 3.0 e do Punto de Acceso Nacional aos demais usuarios da vía.
“Desta forma os condutores non só están sinalizados fisicamente a través dunha luz, senón que tamén o están de forma virtual, converténdose na opción de sinalización máis segura e unha ferramenta imprescindíbel para optimizar a resposta en emerxencias e previr accidentes, sobre todo en condicións adversas”, sinala o CMO de Netun, Alejandro González, engadindo que “para nós é un orgullo ver como cada vez máis entidades públicas e privadas mostran o seu compromiso coa seguridade viaria e dan o exemplo ao resto dos condutores adquirindo de forma anticipada as balizas V-16, facendo cada vez máis seguras as nosas estradas”.