Never Alone chega a PC e Xbox One

mércores, 19 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Un dos xogos máis interesantes do presente mes é Never Alone, un quebracabezas de plataformas para 1 ou 2 xogadores creado en colaboración coa comunidade de nativos de Alaska que explora o folclore tradicional dos Iñupiat do Ártico para ofrecer unha experiencia sen igual na que controlaremos a unha moza e a un raposo que deberán superar sucesivos desafíos e explorar perigosos contornos árticos.
Nesa aventura poderemos coñecer figuras do folclore iñupiaq como os matahomes, o seres ananos, os espíritos que axudan, o home da xistra e moitos máis, seguindo a historia coa narración dun mestre contacontos en lingua iñupiaq, algo inédito nun videoxogo comercial.
Never Alone pode mercarse para PC en Steam a un prezo promocional de 13,49 euros, mentres que para Xbox One mantén o seu prezo íntegro, e pode mercarse por 14,99 euros. Os usuarios europeos de PlayStation 4 terán que agardar até o 26 de novembro para poder adquirir este prometedor xogo, pois non conseguiron que superase os procesos de certificación europeos a tempo.


Trailer de lanzamento de Never Alone

PUBLICIDADE