New Space España III xuntará en Vigo 250 profesionais da industria espacial española
martes, 24 de setembro do 2024
Novamente o foro New Space España vai converter Vigo no punto de encontro da industria espacial española. Segundo a organización (a empresa galega Alén Space), o evento xa superou o seu récord de inscricións nesta terceira edición, coa presenza confirmada de máis de 250 profesionais e expertos relacionados co sector espazo. Do xoves 26 ao venres 27 de setembro, a sede de Afundación de Vigo será escenario dun intenso programa de conferencias e mesas redondas coa participación de 40 relatores que analizarán o presente e o futuro do sector en España.
O evento ten como obxectivo “servir como plataforma para o intercambio de coñecementos, impulsar a colaboración e o establecemento de alianzas entre empresas, centros de investigación, universidades e organismos públicos para converter a España nunha potencial global no sector espazo, explorar novas oportunidades de negocio e dar a coñecer misións como a Constelación Atlántica ou LEO-PNT, impulsadas pola Axencia Espacial Europea (ESA)”.
Entre as novidades de New Space España 2024 sitúase a habilitación dun servizo de tradución simultánea a inglés, unha mesa redonda para expoñer e debater sobre a situación do sector en Iberoamérica e as oportunidades de cooperación coa industria espacial española, e a posta en marcha dun espazo (New Space Startups) para empresas emerxentes que queiran presentarse e dar a coñecer os seus proxectos ante os principais actores do sector en España.
A ampla lista de relatoras inclúe a recoñecidos profesionais da industria espacial española, europea e latinoamericana, entre os que destacan Juan Carlos Cortés, novo director da Axencia Espacial Española; Teresa Riesgo, secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Tecnoloxía; Emilio Vez, xefe da Sección de Política Industrial da Axencia Espacial Europea; Roberto Prieto-Cerdeira, responsábel do proxecto LEO-PNT da Axencia Espacial Europea; ou o tenente coronel Juan Soriano Paradinas, do Mando do Espazo (MESPA), unidade de recente creación pertencente ao Exército do Aire e do Espazo.
New Space España 2024 está organizado por Alén Space, empresa galega especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, e conta co respaldo de patrocinadores como GMV, DHV Technology, Indra, UARX Space, ACORDE, Airbus, Deimos, Geosat, PLD Space, Satlantis, Startical, Telespazio, Alter Technology, Ansys, Arkadia Space, IENAI Space, Kreios Space, Rohde e Schwarz e Siemens, ademais do apoio de institucións públicas como a Xunta de Galicia, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo.
Desde a organización, Guillermo Lamelas, director executivo (CEO) de Alén Space, explica que “é un congreso moi pensado para xuntar ao sector, analizar en que punto estamos e extraer conclusións para ver cales son as mellores estratexias para acadar desde España unha posición de referencia neste novo mundo do espazo”.
Co lema O camiño cara ao liderado global, Lamelas engade que New Space España 2024 quere fomentar o desenvolvemento de iniciativas que permitan aproveitar as capacidades de España para ter un papel protagonista na industria global do sector New Space.
Guillermo Lamelas sinala que “o sector atópase en ebulición en todo o mundo. Cada vez máis empresas privadas están a acceder ao espazo para ofrecer novos servizos dun modo accesíbel e en España temos un ecosistema envexábel para todos os países da nosa contorna”.