NextVR realizará retransmisións en realidade virtual da WWE

venres, 12 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os cascos de realidade virtual, dende o sinxelo cartón de Google até as potentes solucións que precisan dun ordenador de alta gama para funcionar, son ferramentas de grande utilidade para a visualización de eventos en directo, por seren capaces de transmitir con grande fidelidade a sensación de estar presente nos estadios deportivos e nas salas de concertos, de aí que a compañía NextVR decidise especializarse neste eido, colaborando coas organizacións de numerosas competicións deportivas para permitir que o público poida vivir os partidos coma se estivese véndoos en directo, sendo bastante curioso o seu último acordo de colaboración, xa que estes días anunciaron que van permitir un achegamento á WWE, ou sexa, á loita libre americana que tantos seareiros ten nas televisións de todo o mundo.
NextVR retransmitirá experiencias de realidade virtual duns 10 minutos de duración de balde para todos os seareiros do mundo a través dunha nova canle da WWE na aplicación de NextVR, chegando cada entrega despois de cada evento, do que amosaran os momentos máis destacables, dun xeito que os incondicionais da WWE non viron nunca e que seguro que agradecerán.
Para facer posibles as gravacións en realidade virtual NextVR traballará co equipo de produción televisiva da WWE para así poder colocar as cámaras de realidade virtual en cada evento do xeito máis inmersivo posible, estando ao alcance de usuarios de Samsung GearVR, Google Daydream, PlayStation VR ou incluso a emerxente Windows Mixed Reality.
As retransmisións de NextVR buscan achegar unha perspectiva de espectador, de xeito que optan polo vídeo de 180 graos (xa que mirar para atrás carece de interese para o usuario) , aínda que a compañía está a explorar algunhas innovacións nesta tecnoloxía coas que mellorar a calidade de vídeo ou incluso permitir tirar proveito das tecnoloxías de seguimento de posición.

PUBLICIDADE