Nexus Q, o reprodutor multimedia conectado de Google

mércores, 27 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Dende Google aseguran que o primeiro reprodutor multimedia mediante streaming do mundo é o seu novo Nexus Q, unha pequena esfera de apenas 116 milímetros de diámetro e 923 gramos de peso que pode conectarse ao televisor ou a uns altofalantes para achegar música e vídeo dende Google Play, YouTube ou outros dispositivos con Android, que diferénciase doutros competidores por permitir organizar festas ao seu redor, de xeito que cando esteamos cos amigos, os nosos compañeiros poderán engadir música, películas e outros vídeos para a súa reprodución, construíndo unha capa social para os nosos convidados.
O Nexus Q conta con saída óptica de audio, saída micro HDMI, conector micro AB USB, Fast Ethernet e incluso conectores tipo banana para altofalantes. Tamén conta con Wi-Fi N, Bluetooth e NFC, integra un amplificador de 25 vatios e non debería ter problema para correr contidos multimedia por funcionar cun procesador OMAP4460, 1 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno, aínda que sorprende un chisco que o seu sistema operativo sexa o Android 4.0 (e non a versión 4.1 que veñen de presentar no Google I/O).
O novo dispositivo chegará aos norteamericanos dentro de 2-3 semanas a un prezo de 299 dólares (a través de Google Play), o que parece un tanto desproporcionado se temos en conta que o seu principal competidor sería o Apple TV, que nos EE.UU. ten un prezo de 99 dólares.


Vídeo de presentación do Google Q

PUBLICIDADE