Nieves Brisaboa recoñecida pola RAGC cunha Medalla de Investigación

martes, 30 de setembro do 2025 S. P.

Poñer en valor as traxectorias máis senlleiras e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, amais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas son os criterios nos que se basea a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para conceder as súas Medallas de Investigación, que este ano van parar a mans de cinco científicos e científicas galegos en activo das universidades da Coruña e Vigo. A entrega dos galardóns terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro en Santiago.
Indo aos premiados, son: Francisco Blanco, quen usa a IA para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas reumáticas; Laura Carballo, quen traballa por mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras do mar; Juan Mª Pou, experto na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade; Nieves Rodríguez Brisaboa, experta no procesamento de grandes volumes de datos e Mª Carmen Veiga, quen recupera das augas residuais compostos de alto valor comercial como bioplásticos ou biocombustibles.
Nieves Rodríguez Brisaboa (A Coruña, 1957), investigadora do CITIC da UDC, faise coa medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. A catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña comentou que: “Cada vez que se lle recoñece a unha muller a excelencia nun eido onde aínda poucas destacaron, contribúese a incrementar as vocacións femininas nese ámbito. Coa gran falta de mulleres nas disciplinas STEM en xeral e en Informática en particular, espero que esta medalla, que por primeira vez se lle concede a unha muller no campo das Matemáticas, Física e Informática, axude a abrir este camiño a máis mulleres no futuro”.
Francisco J. Blanco García (Cee, 1963) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. “Para min é unha honra inmensa, un recoñecemento a unha traxectoria persoal e, sobre todo, ao traballo do meu grupo de investigación GIR-S, formado por un gran número de excelentes investigadores, compañeiros reumatólogos e pacientes que compartiron comigo esta aventura científica. Esta Medalla reforza o modelo de investigación construído en torno ao triángulo UDC-INIBIC-CHUAC, que xa demostrou ofrecer excelentes resultados na xeración de coñecemento e na súa aplicación clínica”, sinala o investigador.
Laura Carballo Piñeiro (Marín, 1971) recibe a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais. A catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais afirma que: “Como investigadora galega síntome moi honrada. Reconforta que nestes intres de grande ameaza para a orde internacional e os dereitos das persoas sen importar a súa orixe, a RAGC apoie o papel fundamental do Dereito para acadar a paz, a seguridade e o benestar de nacións, a dignidade dos pobos, en definitiva, como diría García-Sabell”.
Juan María Pou Saracho (A Guarda, 1963), catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas. “Este galardón é un recoñecemento a todas as persoas que desde os anos 1980 se dedicaron e seguen a dedicarse a investigar sobre as aplicacións do láser en Galicia e, en particular, ao noso grupo da Universidade de Vigo. Agradézolle aos meus compañeiros do CINTECX por crear un magnífico ambiente de traballo para desenvolver a nosa investigación”, engade Pou.
Mª Carmen Veiga Barbazán (Brión, 1959), catedrática de Enxeñaría Química da Universidade da Coruña, recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía e sinalou: “Para min este premio supón o recoñecemento a unha traxectoria profesional dedicada ao desenvolvemento de procesos avanzados de biotecnoloxía ambiental. O meu traballo céntrase na valorización de contaminantes presentes en augas, gases e residuos mediante biorefinería. Estes procesos contribúen á economía circular e á protección do medio, ofrecendo solucións innovadoras para a xestión sostible dos recursos”.