Nieves Brisaboa é unha das investigadoras destacadas na plataforma Científicas e Innovadoras
xoves, 17 de novembro do 2022
A
investigadora
do CITIC Nieves R. Brisaboa foi seleccionada para formar parte da
plataforma Científicas e Innovadoras, un proxecto do Ministerio
de Ciencia e Innovación a través da súa Unidade de Mulleres e
Ciencia e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía
(FECYT). Esta iniciativa ten a finalidade de “dar visibilidade e
poñer en valor a científicas e innovadoras españolas recoñecidas
no ámbito nacional e internacional”, explicaron fontes do Centro
de Investigación TIC da UDC (o CITIC), engadindo que as
seleccionadas destacan polo seu importante labor científico-técnico
nas súas diferentes disciplinas e son referentes para as novas
xeracións de investigadoras.
Desta
forma, Nieves R. Brisaboa é recoñecida na área temática de
Ciencias Tecnolóxicas. Brisaboa é catedrática da área de
Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC, dirixiu múltiples
proxectos de I+D+i tanto do Plan Nacional, como autonómicos e
internacionais, e estivo implicada en proxectos de innovación e
transferencia de tecnoloxía a empresas e administracións públicas.
Tamén desenvolveu actividades de xestión da investigación como
xestora do Plan Nacional de I+D en Tecnoloxías Informáticas, como
presidenta da área de Tecnoloxías da Información na Axencia
Andaluza do Coñecemento, e recentemente foi nomeada Xestora de
Proxectos Internacionais TIC pola Axencia Española de Investigación.
Grazas á súa destacada actividade investigadora, en 2019 obtivo o
Premio Nacional de Informática outorgado pola Sociedade Científica
Informática de España (SCIE) – Fundación BBVA (2019).