Nieves R. Brisaboa participará na Aula de Verán Blas Cabrera cunha charla sobre informática e cambio social

venres, 5 de agosto do 2022 S. P.

A investigadora do CITIC Nieves R. Brisaboa impartirá un relatorio na Aula de Verán Blas Cabrera de iniciación á investigación, a docencia e a innovación científica, que se desenvolverá entre o 8 e o 12 de agosto no Palacio da Magdalena de Santander, organizada pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) en colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación.
O obxectivo deste programa é servir como introdución á actividade de investigación científica. Para iso, e cun enfoque multidisciplinario, están previstas diversas actividades académicas dirixidas por profesores universitarios especialmente destacados pola súa actividade científica e investigadora. Neste contexto, a investigadora Nieves R. Brisaboa impartirá a charla Informática e cambio social o 10 de agosto a partir das 10:30 h.
Nieves R. Brisaboa é catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña. En 2019 recibiu o Premio Nacional de Informática, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. Foi xestora do Plan Nacional de I+D en Tecnoloxías Informáticas (TIN), xestora do Plan Galego de I+D+i (INCITE) de Sociedade da Información e coordinadora no ámbito das TIC do Plan Andaluz de I+D+i, entre outros cargos.

PUBLICIDADE