Nikon desenvolve unha solución para saber cando van parir as vacas

luns, 15 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Recentemente Nikon presentou no Xapón un sistema de monitorización en vivo chamado NiLIMo, que detecta e informa aos gandeiros dos sinais e o inicio do parto das súas vacas grazas ao procesamento mediante intelixencia artificial de imaxes recollidas por cámaras nas súas instalacións.
Este interesante proxecto está a desenvolver as súas probas en colaboración con produtores de carne na prefectura de Kumamoto e espallándose progresivamente nos vindeiros meses até chegar a todo o territorio xaponés antes de rematar o ano.
O sistema desenvolvido por Nikon Solutions aproveita que cando as vacas están próximas a parir exhiben comportamentos distintivos, como un aumento na actividade, repetir o acto de erguerse e sentar ou levantar a cola. O sistema vixía constantemente ás vacas mediante vacas instaladas na corte, procesa as imaxes captadas mediante intelixencia artificial en dispositivos instalados na granxa e os datos envíanse logo a través da Internet a un centro de datos para o seu procesamento e así poder logo notificar aos gandeiros mediante mensaxe ao voz aos seus smartphones.
Este sistema de vixilancia supón unha grande mellora nas condicións de traballo nas granxas, xa que minimiza as roldas regulares que hai que efectuar (incluso a altas horas da madrugada) cando se achega un parto, e poder comprobar o historial de comportamento dos animais en tempo real fai moito máis doado anticiparse ao parto e así minimizar riscos.
Nikon asegura que vai continuar na mellora deste solución e pretende ampliala para que no futuro poida aplicarse a vacas leiteiras e a outros animais que precisen dun seguimento semellante.

PUBLICIDADE