Nikon presenta unha cámara con zoom de 125x
martes, 10 de xullo do 2018
Nikon sorprende hoxe cunha cámara de formato bridge que equipa un obxectivo de 24-3.000
milímetros, ou sexa, o que vulgarmente se coñecería como un zoom óptico de 125
aumentos, de xeito que sería a
cámara deste tipo co meirande zoom do mercado (podendo conseguir incluso un
zoom de 250x de xeito dixital), de xeito que incluso podería empregarse para
fotografar avións, paxaros e outros elementos que normalmente están fóra do
alcance da vista.
A Nikon
COOLPIX P1000 ten un sensor de 16 Mpíxeles e unha apertura de f/2.8, grava
vídeo 4K a 30 cadros por segundo ou Full HD a 60 imaxes por segundo, inclúe saída
HDMI, a súa pantalla LCD de 3,2 polgadas pode abaterse para facilitar o disparo
en posicións nos que o visor electrónico
OLED integrado sería complicado de utilizar e tamén inclúe conectividade
Bluetooth 4.1 e Wi-Fi, de xeito que mediante SnapBridge poden sincronizarse as
fotografías que disparemos cun dispositivo móbil para así poder compartir
rapidamente as imaxes (podendo empregarse a aplicación móbil tamén para manexar
o zoom ou soltar o obturador).
Esta nova cámara sairá á venda en setembro a un prezo de 999 dólares (polo que
é de esperar que en España supere lixeiramente os mil euros de prezo).
- O obxectivo integrado chega até os 125 aumentos