Ninja muda as súas retransmisións de Twitch a Mixer

luns, 5 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O streamer máis popular do mundo no que ao xogo Fortnite se refire, con 14,7 millóns de seareiros en Twitch, sorprendeu anunciando que mudaba de plataforma de streaming, de xeito que para seguir agora as súas retransmisións haberá que recorrer a Mixer, o servizo de streaming de videoxogos de Microsoft, que aínda está moi por detrás en uso de Twitch e YouTube, pero que grazas a fichaxes deste estilo podería conseguir a visibilidade que precisa para popularizarse.

Ninja foi o primeiro deportista electrónico en ocupar a portada da revista ESPN

Mixer naceu a finais de 2014 como Beam, e tras a súa compra en 2016 por parte de Microsoft integrouse tanto en Xbox como en Windows, facilitando as retransmisións de partidas de videoxogos e buscando unha boa experiencia de uso en ambas plataformas. A marca Mixer leva pouco máis de 2 anos, conseguindo certa sona entre usuario de Xbox, pero sendo unha completa descoñecida para a meirande parte de xogadores de PC, até agora.
Tyler Blevins Ninja tiña habitualmente uns 50.000 espectadores á semana en Twitch, pero a súa estrea en Mixer conseguiu xuntar a unha media de 65.000 espectadores ao longo de 6 horas de retransmisión (chegando até preto de 96.000 espectadores e superando o medio millóns de subscritores), polo que podemos entender que os seareiros deste streamer non teñen problema en saltar entre plataformas para seguir as súas retransmisións favoritas, o que podería ser unha boa nova para Mixer, plataforma que terá que demostrar se pode competir de igual a igual con Twitch e YouTube, para o que é preciso moito máis que fichar a un par de streamers célebres.

PUBLICIDADE