Nintendo adianta as novidades que chegarán a Wii U nos vindeiros meses

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Tras un Nadal no que a Wii U non tivo a boa acollida que poderiamos esperar, dende Nintendo parecen querer corrixir a situación reforzando o seu catálogo de xogos, de aí que hoxe puidemos ver unha nova edición de Nintendo Direct na que o presidente da compañía, Satoru Iwata, adiantou numerosas novidades para os vindeiros meses e, aínda que dedicase bastante tempo para dar a coñecer as melloras que terá a Wii U como plataforma social (co seu Miiverse, que tamén estará accesible dende smartphones), o que axudará a consolidación da nova consola serán sen dúbida os seus numerosos xogos exclusivos.

The Legend of Zelda: Wind Waker terá remasterización en alta definición

A Wii U vai contar con 2 xogos da serie The Legend of Zelda (un título novo e un remake en alta definición de The Wind Waker), durante a vindeira edición do E3 poderán verse como serán dos novos xogos de Mario (un tipo Super Mario e outro na liña de Mario Kart), o personaxe seguirá os pasos de Kirby e contará con Yoshi’s Land (semellante a Kirby’s Epic Yarn, aínda que desta volta será Yoshi o que visite o Reino dos Fíos), unha nova entrega de Wii Party que chegará no verán, un xogo RPG que mesturará as franquías Fire Emblem e Shi-Megami Tensei, un novo Super Smash Bros, un novo xogo de Monolith Soft que podería ser unha secuela do popular Xenoblade Chronicles, confírmase que Pikmin 3 aproveitará o GamePad da Wii como cámara para compartir a perspectiva dos Pikmin, adiantouse algún detalle novo de Wii Fit U, estreouse un trailer de The Wonderful 101 e lembrouse o GAME & WARIO.

Yoshi visitará o Reino dos Fíos en Yoshi’s Land

Outro detalle significativo dos postos en coñecemento hoxe é a Consola Virtual de Wii U, que permitirá gozar na nova consola de vellos xogos de NES e Super Nintendo (máis adiante incluirá tamén os de Game Boy Advance) como xa acontecía na Wii, contando coa novidade de que os usuarios que xa mercasen un xogo na anterior consola poderán agora facerse coa súa versión renovada a un prezo reducido (0,99 euros para os xogos de NES e 1,49 euros para os de Super Nintendo). A nova Consola Virtual tamén celebrará o 30 aniversario do lanzamento da NES no Xapón ofrecendo cada mes ata xullo un xogo ao perzo especial de 0,30 euros, comezando esta promoción con Balloon Fight.
Aparte das novidades de xogos, Iwata informou de que teñen planificadas dúas actualizacións do software de sistema da Wii U, chegando unha en primavera e outra no verán, e que incluirán novas funcionalidades e axilizarán o inicio do software e o regreso ao menú de Wii U (proceso moi pesado actualmente).


Vídeo completo da nova entrega de Nintendo Direct

PUBLICIDADE