Nintendo anuncia numerosas novidades para a 3DS

martes, 13 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Botou a andar a feira de videoxogos Tokyo Game Show cunha conferencia de Nintendo na que adiantaron moitos dos plans da compañía nipona para os vindeiros meses, entre os que resulta especialmente destacable que no mes de novembro a consola Nintendo 3DS vai recibir unha actualización de balde que permitirá aos seus usuarios gravar vídeo en 3D, que despois poderán visualizar sen lentes na súa pantalla autoestereoscópica, prestación que pode ser un interesante motivo para facerse coa nova portátil que está a mellorar o seu catálogo de xogos a pasos axigantados.
Entre os grandes éxitos para a 3DS Nintendo xa confirmou que o 18 de novembro teremos o agardado Super Mario 3D Land, un xogo de plataformas de Mario que será realmente en 3D (no que parece a mestura perfecta entre Mario 64 e Super Mario Galaxy) e mesmo aproveitará o xiroscopio da 3DS, achegando unha experiencia de xogo nunca vista; pero tampouco quedará curto o Mario Kart 7, título que teremos nas tendas o 2 de decembro e que incluso contará cun modo de visión subxectiva co que podemos controlar o nos kart movendo a consola.
No que ao hardware se refire tamén hai novidades, como que o 30 de setembro vaian pór á venda en Europa unha Nintendo 3DS de cor vermello metálico, mentres que no Xapón van vender un modelo de cor rosa a partires do 20 de outubro, para facer máis atractiva a consola para o público feminino.

O accesorio que engadirá un stick analóxico adicional á 3DS xa é oficial

Nintendo tamén oficializa o Expansion Slide Pad, un accesorio que engadirá un segundo stick analóxico á 3DS e que sairá o 10 de decembro no Xapón a un prezo de 1.500 iens (14,25 euros), e que inicialmente aproveitará o xogo Monster Hunter 3G, aínda que parece ser que haberá outros xogos que poderían estar a adaptarse a este novo control (posiblemente títulos como Resident Evil: Revelations ou o propio Kid Iccarus: Uprising, que non chegará ata 2012).
Coa vista posta no futuro tamén temos que para 2012 Nintendo vai lanzar xogos moi prometedores como Mario Tennis, Paper Mario, Luigi’s Mansion 2, Mario & Sonic at the London Olympics, Animal Crossing e Fire Emblem, mentres que outras compañías tamén confiarán na 3DS con xogos como Dynasty Warriors VS, Tekken 3D: Prime Edition, Metal Gear Solid 3D: Snake Eater e moitos outros, chegando a anticiparse que a longo prazo recibirá o Monster Hunter 4, que promete ser un grande exclusiva para a nova portátil de Nintendo, que podería rematar por consolidar esta consola, especialmente no mercado nipón, aínda que en Europa tampouco parece ir mal, xa que conseguiu superar o millón de unidades vendidas no noso territorio (cantidade superada no Xapón en xuño).


En decembro teremos Mario Kart 7 para 3DS


En 2012 chegará Paper Mario á nova consola portátil de Nintendo

Nintendo fixo pública a portada que terá o Super Mario 3D Land