Nintendo anuncia os xogos que chegarán a Switch nos vindeiros meses

xoves, 14 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A pasada noite publicouse un novo Nintendo Direct con moito información sobre novos títulos para Nintendo Switch, que pretendía deixar claro que a compañía nipoa quere que a súa consola manteña o seu pulo durante os vindeiros meses despois dun ano 2018 no que tiveron uns resultados impresionantes.
Entre os novos títulos anunciados figuran o que sen dúbida será ben recibido Super Mario Maker 2 (á venda en xuño); sorprendeu o anuncio do xogo de acción Astral Chain de PlatinumGames (que verá a luz o 30 de agosto); deixouse ver Dragon Quest XI S: Ecos de un pasado perdido, título lanzado para outras plataformas nos últimos 2 anos, e que para Switch chegará no outono na súa versión definitiva; e a xeito de colofón anunciouse a versión renovada de The Legend of Zelda: Link’s Awakening, o que supón unha impresionante actualización gráfica, xa que falamos dun título que inicialmente saíu para Game Boy hai 26 anos.
A grande sorpresa do Nintendo Direct foi o lanzamento de TETRIS 99, que é unha versión free-to-play de Tetris para 99 xogadores no que só 1 pode saír vitorioso, ou sexa, un Tetris coa fórmula battle royale. Para poder gozar deste xogo en liña é preciso estar subscrito a Nintendo Switch Online, ou sexa, que Nintendo quere tirar proveito do fenómeno dos battle royale para animar aos posuidores dunha Switch para pagar polo seu servizo de xogo en liña.
Nintendo tamén avanzou detalles de Fire Emblem: Three Houses (que sairá á venda o 26 de xullo) así como debullou os contidos da súa edición limitada. E para completar o vídeo amosaron xogos para Switch como Marvel Ultimate Alliance 3: The Black Order, Dragon Quest Builders 2, Boxboy! + Boxgirl!, Deltarune e Hellblade: Senua’s Sacrifice, e anunciaron o lanzamento de versións de proba de Yoshi’s Crafted World e Daemon x Machina.

A edición limitada de Fire Emblem: Three Houses será moi completa
The Legend of Zelda: Link’s Awakening dará un salto gráfico impresionante dende a Game Boy até a Nintendo Switch

Vídeo co último Nintendo Direct íntegro

PUBLICIDADE