Nintendo desvela os grandes lanzamentos cos que contará a Switch nos vindeiros meses

xoves, 10 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Aínda que a Nintendo Switch está lonxe de ser unha consola potente dende un punto de vista técnico, dende a perspectiva do consumidor está máis forte que nunca, cun parque de consolas que a sitúa como a consola doméstica de Nintendo máis vendida da historia e cunha previsión de xogos para os vindeiros meses digna de envexa, como puidemos ver no último Nintendo Direct.
As novidades que chegarán nos vindeiros meses a Switch son realmente impresionantes, con títulos como Mario Strikers: Battle League Football, Fire Emblem Warriors: Three Hopes e Xenoblade Chronicles 3, que serán auténticos supervendas; a confirmación de que no verán teremos ao esperado Splatoon 3; a lembranza de que o mes que vén chegará Kirby y la tierra olvidada; o anuncio de que en xullo teremos o xogo de rol xaponés LIVE A LIVE; e, como grandísima sorpresa, en abril teremos nas tendas Nintendo Switch Sports, ou sexa, que a Switch recuperará o Wii Sports ao seu xeito, ofrecendo 6 deportes aos que poder xogar de xeito local ou en liña, que os subscritores de Nintendo Switch Online poderán probar entre os días 19 e 20 deste mes.
En poucos días tamén teremos Assassin’s Creed: The Ezio Collection na Switch e, en abril, Star Wars: The Force Unleashed, deixando claro que a consola de Nintendo é unha excelente plataforma para título que podemos considerar clásicos.

Vídeo co último Nintendo Direct íntegro

PUBLICIDADE