Nintendo estaría a actualizar as consolas Switch para evitar o seu hackeo

xoves, 12 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos meses a Nintendo Switch tivo que enfrontarse a serios problemas de seguridade tras desvelarse un método que facilitaba a execución de código non autorizado valéndose dunha vulnerabilidade do seu procesador, que aseguraban que non podería corrixirse, e nas últimas semanas confirmouse que xa estaban a tomar medidas activas dende Nintendo vetando as consolas modificadas na súa plataforma en liña (como no seu día tamén fixeran outras consolas domésticas para loitar contra a piratería), pero as cousas parecen ir máis aló, e tal e como comenta o mesmo usuario que alertou dos vetos, Nintendo estaría xa a distribuír unidades de Switch que non serían vulnerables ao exploit que viñan aproveitando para hackear a consola.
Ao parecer as novas consolas parcheadas aínda non estarían nas tendas, e mentres non se instale a última versión do seu firmware aínda estariamos ante consolas vulnerables, o que estaría a levar a algúns usuarios a mercar agora unidades da Nintendo Switch para asegurarse o poder hackear a súa máquina, algo que entusiasma a certo perfil de usuarios que gustan de probar emuladores, reprodutores de vídeo e moitas outras aplicacións que non están dispoñibles oficialmente.
Por parte de Nintendo resultaba evidente que tiñan que operar tanto no ámbito dos servizos en rede como das consolas físicas, xa que facilitar a carga de software non autorizado podería facilitar extraordinariamente as copias ilegais dos seus xogos, o que tería unhas serias repercusións para a compañía, especialmente a nivel de confianza por parte dos desenvolvedores externos, que previsiblemente abandonarían en masa a consola de non contar con certas garantías (como aconteceu con outras consolas no pasado).

PUBLICIDADE