Nintendo mantén boas vendas de xogos e consolas

martes, 8 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Estes días moitas empresas están a render contas de cara aos seus accionistas, e os informes financeiros de Nintendo resultaron tan positivos como eran de esperar, cun semestre no que ingresaron 656.974 millóns de iens, o que supuxo uns beneficios operativos de 220.300 millóns de iens.
Resulta salientable que a Nintendo Switch, pese a ser unha consola con xa bastante vida, que non compite coas consolas de nova xeración e que ten problemas de fabricación pola falla de compoñentes, mantén un nivel de vendas bastante elevado, con 6,68 millóns de consolas vendidas, o que supón unha caída interanual de só o 19,2%, polo que Nintendo non debería ter presa por dar un salto xeracional.
As vendas de xogos para Nintendo Switch seguen a ser moi fortes, e dende abril a setembro conseguiu colocar 7,9 millóns de unidades de Splatoon 3, seguido por Nintendo Switch Sports (6,15 millóns), Mario Strikers: Battle League (2,17 millóns) e Xenoblade Chronicles 3 (1,72 millóns), mentres que un título de longo percorrido como Mario Kart 8 Deluxe conseguiu vender 3,07 millóns de unidades, chegando así a un total de 48,41 millóns de unidades vendidas, polo que pode ser o estandarte da forza que conseguen as consolas de Nintendo pese a non ser salientables tecnicamente.
Tamén é salientable que, pese a que as consolas de Nintendo nunca fixeron unha firme aposta polo xogo en liña, coa Switch están a conseguir que o negocio dixital de Nintendo teña unhas vendas de 187.800 millóns de iens, o que supón un incremento interanual do 30,2%.
De cara ao Nadal a compañía nipoa é optimista, xa que contan con que as melloras na fabricación e loxística permitan colocar numerosas consolas no mercado, así como tamén teñen previstos numerosos lanzamentos de xogos importantes, ousando a revisar as súas previsións de ingresos á alza.

PUBLICIDADE