Nintendo nega que estea a preparar unha Switch 4K

xoves, 30 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Dende Bloomberg aseguran que cando menos 11 compañías desenvolvedoras de videoxogos (entre as que figura Zynga) están a traballar para unha consola de Nintendo con gráficos 4K que aínda non existe, o que podería corresponderse coa rumoreada Nintendo Switch Pro, información que neste momento resultaba un tanto sorprendente xa que o vindeiro 8 de outubro sairá á venda a Nintendo Switch modelo OLED, que non suporá cambios na potencia da máquina, centrándose en mellorar a calidade de imaxe da súa pantalla.
O que si foi unha grande sorpresa é que a propia Nintendo lanzase un comunicado dirixido a investidores e consumidores desmentido a nova de Bloomberg, asegurando de xeito tallante que non distribuíu ferramentas de desenvolvemento de xogos para unha Switch con soporte de 4K, engadindo que polo momento non teñen plans para lanzar ningunha outra consolas aparte do modelo con pantalla OLED que chegará ás tendas a semana que vén.
Cómpre advertir que é normal que Nintendo non teña fixado o lanzamento dunha consola máis avanzada tecnicamente cando está a lanzar unha revisión da consola actual, polo que centran os seus esforzos na Nintendo Switch modelo OLED, o que non quere dicir que o ano que vén non poidan anunciar un novo modelo con gráficos 4K, que non podería lanzarse de xeito inminente xa que habería que dar tempo aos desenvolvedores para adaptarse ao salto técnico que suporía unha consola máis avanzada. De feito, os rumores dunha Switch 4K xa teñen moitos meses, e resultan totalmente predicibles xa que a consola actual funciona cun procesador de 2015, e unha simple actualización deste elemento podería facilitar un salto gráfico notable, aínda que a actual crise dos semicondutores podería ser unha das causas polas que Nintendo aínda non decidiu dar ese paso.

A Nintendo Switch está limitada actualmente a gráficos 720p en mobilidade e 1080p conectada ao televisor

PUBLICIDADE