Nintendo presenta as novidades que recibirán as súas consolas nos vindeiros meses

luns, 17 de abril do 2017 Marcus Fernández

Para dar máis detalles dos seus vindeiros lanzamentos, Nintendo publicou en pleno Xoves Santo un novo Nintendo Direct, vídeo no que desvelaron detalles de Mario Kart 8 Deluxe, Splatoon 2 e ARMS para Nintendo Switch, así como Hey! PIKMIN, Ever Oasis e varios xogos novos de Kirby para Nintendo 3DS. Deste xeito a compañía nipoa deixa constancia do completo calendario de lanzamentos que ten planificado para os vindeiros meses para fornecer o catálogo da súa nova consola á vez que mantén viva a súa portátil estrela.
Sobre ARMS presentaron detalles sobre o sistema de combate deste curioso xogo que permite tanto participar en frenéticas partidas de 1 contra 1 ou de 2 contra 2, tendo que agardarse até o 16 de xuño para poder facerse con el. Este xogo é un título que demostrará o divertido que pode ser o uso dos Joy-Con como sistema de control, pero máis interese está a captar Splatoon 2, xogo de acción que confirma que verá a luz o 21 de xullo, cando chegará acompañado por tres novas figuras amiibo que cos tocar a consola introducirán os seus personaxes no xogo, facéndose amigos dos xogadores.
Splatoon 2 é un título no que Nintendo ten moitas esperanzas, xa que a súa primeira entrega para Wii U demostrou que era posible facer un shooter para todos os públicos, e desta volta pretenden ir un paso máis aló e converter o xogo nun auténtico eSport, de xeito que as súas competicións consigan ter relevancia internacional e grande forza competitiva. O xogo tamén permitirá chat de voz a través da nova aplicación de Nintendo Switch para dispositivos móbiles, conseguindo así trasladar xeitos de xogo en liña que habitualmente limitábanse a plataformas de xogo orientadas a un público adulto.
Pero antes do verán teremos algún outros xogo interesante para Nintendo Switch, como Mario Kart 8 Deluxe, que estará dispoñible a partires do 28 de abril e, aínda que non deixe de ser unha adaptación do xogo de Wii U con algunhas melloras, resulta bastante atractivo porque desta volta será simultaneamente unha entrega para xogar no televisor e en mobilidade, abrindo novas posibilidades. O xogo permitirá modo sen fíos local con 8 xogadores ou xogo LAN e en liña con até 12 xogadores.
Outro xogo bastante curioso é a achega de Capcom á nova consola, Ultra Street Fighter II: The Final Challengers, que chegará o 26 de maio, e recuperará o clásico xogo de loita que causou furor nos salóns recreativos hai décadas, converténdose no principal referente do seu xénero, ao que engaden un par de novos loitadores (Evil Ryu e Violent Ken).
O 12 de maio chegará á Nintendo eShop (máis adiante distribuirase ás tendas) Minecraft: Nintendo Switch Edition, unha adaptación dun dos xogos máis populares dos últimos anos, que incluirá o pack Super Mario Mash-Up e novas opción de control e multixogador.
Ö ourizo de SEGA tamén estará presente na Switch, con Sonic Mania no verán e Sonic Forces no inverno; outros clásicos que chegan a Swtich son os xogos clásicos de NeoGeo en formato descargable, dos que xa están dispoñibles Fatal Fury, The King of Fighters ’99 e Samurai Shodown IV.
Outras novidades para a Nintendo Switch será Puyo Puyo Tetris (á venda a partires do 27 de abril), Monopoly for Nintendo Switch (adaptación do célebre xogo de mesa que chegará no outono), Rayman Legends: Definitive Edition (magnífico xogo de plataformas que atopa así outra nova consola dende a que chegar ao público), Fate/EXTELLA: The Umbral Star (xogo de acción que sairá á venda o 21 de xullo), Disgaea 5 Complete (RPG táctico que teremos o 26 de maio), os xogos de THQ Nordic Sine Mora FX e Battle Chasers: Nightwar (a primeiros e finais de verán respectivamente), NAMCO MUSEUM (no verán) e Payday 2 (a finais de 2017).

Nintendo 3DS

Pero aínda que Nintendo ten que esforzarse para que de aquí ao Nadal a Switch poida construír un bo catálogo de xogos para poder captar a atención dos futuros compradores, non pode desatender aos actuais usuarios de 3DS, para os que confirmaron lanzamentos como Hey! PIKMIN (que sairá o 28 de xullo), Team Kirby Clash Deluxe (que xa está dispoñible como descarga de balde), Kirby’s Blowout Blast (que chegará como xogo descargable no verán), un novo xogo de acción da serie Kirby que chegará no inverno (completando así a celebración do 25º aniversario do personaxe), Miitopia (a finais de ano), Ever Oasis (o 23 de xuño), Fire Emblem Echoes: Shadows of Valentia (sen data confirmada), Brain Training Infernal del Dr. Kawashima: ¿Eres capaz de mantener la concentración? (o 28 de xuño), Monster Hunter Stories (no outono) e algún xogo máis, entre os que non deixaron de lembrar que o pasado 7 de abril saíron un par de entregas da célebre franquía YO-KAI WATCH.

Vídeo completo coas novidades de Nintendo para Switch e 3DS

PUBLICIDADE