Nintendo presenta novos xogos de Pokémon

mércores, 30 de maio do 2018 Marcus Fernández

Nunha rolda de prensa en Tokio The Pokémon Company presentou Pokémon Quest, un novo xogo para Nintendo Switch e dispositivos móbiles desenvolvido por Game Freak que caracterízase por ter uns gráficos diferentes ao que estamos afeitos na franquía (e máis na liña de títulos como Minecraft) e cunha nova dinámica de xogo. Esta aventura portátil de Pokémon pode descargarse xa de balde para Switch, chegando a Android e iOS a finais de xuño.


Pero aínda que un novo xogo de Pokémon xa é unha nova bastante rechamante, neste caso viuse eclipsada por outro anuncio de bastante máis impacto: o 16 de novembro chegarán os xogos Pokémon: Let’s Go, Pikachu! e Pokémon: Let’’s Go, Eevee! para Nintendo Switch, que introducirán un novo estilo de xogo que permitirá a calquera usuario divertirse dende o primeiro momento en partidas cheas de aventuras e detalles que tamén gustarán aos incondicionais da franquía.
Estes novos Pokémon: Let’s Go estarán baseados no clásico Pokémon Edición Amarilla: Edición Especial Pikachu, que saíu á venda no Xapón en 1998, aínda que incorporará novidades moi importantes como a posibilidade de realizar capturas de Pokémon dun xeito sinxelo como en Pokémon GO, así como tamén gozará duns gráficos modernos. As diferenzas entre ambas versións do xogo radican no Pokémon que acompañará o xogador (Pikachu ou Eevee) nas súas aventuras, de xeito que esta criatura non volverá á Poké Ball fóra do terreo de combate, senón que acompañará ao adestrador en toda ocasión, chegando incluso a botar unha man.
Un dos detalles máis importantes destes novos xogos é que a captura de Pokémon realizarase mediante o Joy-Con da Switch para lanzar a Poké Ball ao obxectivo cunha soa man (pulsando un botón ou cun golpe de pulso). Amais, ao contar a consola con dous mandos deste tipo, será posible gozar dun modo de xogo simultáneo para dous xogadores, que poderán colaborar na captura de Pokémon ou nun combate. Pero a cousa non queda aí, senón que tamén desvelouse que será posible adquirir un novo accesorio, a Poké Ball Plus¸ que vén a ser un mando de Switch con forma de Poké Ball, que poderase empregar no xogo e tamén permitirá introducir no seu interior a un Pokémon, para poder levalo de paseo polo mundo real cando non esteamos xogando.
O máis sorprendente destes novos xogos é que conectaranse con Pokémon GO, de xeito que a Poké Ball Plus será compatible co xogo móbil e tamén será posible transferir aos xogos de Switch os Pokémon capturados no móbil que pertenzan á rexión de Kanto.

A presentación en Tokio confirmou o pulo que tomará a franquía de Pokémon na Nintendo Switch

Tráiler dos novos Pokémon: Let’s Go

PUBLICIDADE