Nintendo remata agosto dominando as vendas de xogos en España

luns, 1 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Mentres ADeSe non publica os resultados de vendas de videoxogos durante o mes de agosto, podemos ver os datos de vendas da penúltima semana no mes pasado, o que nos dá unha interesante idea dos resultados de vendas mensuais, nos que Nintendo arrasa con 8 títulos das súas consolas entre os 10 máis vendidos. Os únicos xogos que non son de Nintendo que lograron colarse entre os máis vendidos foron o Beijing 2008 para PS3 na segunda posición (o que se entende pola celebración dos Xogos Olímpicos) e Buzz! Concurso de Bolsillo para PSP no 10º posto, mentres que o Wii Fit continúa a liderar as vendas en España, quedando logo nos postos do 3 ao 5 os xogos Wii Play, Mario Kart Wii e Super Smash Bros Brawl, deixando clara a forza da Wii. Logo, os xogos dos postos 6 ao 9 resultan ser para a consola portátil de Nintendo: Wall-E, Cocina Conmigo, Guitar Hero: On Tour e Brain Training.
A vista destes resultados vemos que non só Nintendo vende máis consolas que os seus competidores, senón que en número de xogos tamén ten unha posición impresionante, especialmente no caso da Wii, pola que non se daba un peso hai un par de anos ao comparala coas consolas de alta definición, pero que demostrou que o público ocasional era capaz de dar a volta ao sector.
Nas consolas portátiles Nintendo tamén conseguiu un éxito difícil de explicar dende o punto de vista dos hardcore gamers, posto que a PSP é unha máquina moito máis potente, e máis apta para os xogos tradicionais, pero Nintendo soubo crear un dispositivo para todos os públicos, achegándose a xogadores de todas as idades e de todos os sexos.

PUBLICIDADE