Nintendo reparará de balde os Joy-Con defectuosos fóra de garantía

mércores, 24 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos días saíu á luz un problema coas consolas Nintendo Switch alcumado Joy-Con Drift, que consiste en que os mandos da consola detectan movementos cando ninguén os está a tocar, o que podería parecer un problema illado, pero constatouse que a aparición deste fallo é masiva, o que resulta inaceptable para uns mandos tan caros (o par de Joyn-Con custa 79,99 euros, mentres que os mandos de Xbox One e PS4, que non fallan, véndense oficialmente a 59,99 euros).
Até o momento Nintendo estaba a arranxar os mandos en garantía, pero facendo aos usuarios pagar os portes para tramitar a reparación, así como quedar un par de semanas sen os mandos, para que meses despois o problemas volvese a reproducirse, pois non parece existir un xeito permanente de arranxar o que semella un fallo de deseño.
Ante esta dramática situación dende Vice aseguran que Nintendo decidiu reparar de balde os Joy-Con cos problemas detectados incluso fóra de garantía (devolvendo os cartos a quen xa pagase por tal reparación), aínda que sen anunciar publicamente este programa especial de reparacións (que polo momento parece limitado aos EE.UU.).
Queda agora por ver se a revisión da Nintendo Switch e a nova Nintendo Switch Lite, que chegarán ambas ao mercado español en setembro, padecerán este molesto problema ou contarán cun deseño que mitigue a aparición do fallo aos poucos meses de uso.

PUBLICIDADE