No Portal da Lingua todo o relativo a FalaRedes 2023, que colle pulo con Os Bolechas Deportistas

xoves, 22 de xuño do 2023 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na mañá deste xoves 22 de xuño na rolda de prensa de presentación do espectáculo Os Bolechas deportistas viaxan no tempo, que vai desenvolver a editorial Bolanda no marco da programación de verán do FalaRedes 2023, o programa de dinamización lingüística do dito departamento.
A xira arranca este venres en Ribeira e proseguirá por 15 concellos da Rede de Dinamización Lingüística co “obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudábeis entre a rapazada”. Valentín García, que estivo arroupado na presentación pola familia Bolechas ao completo, salientou a relevancia de dinamizar o galego nun “ámbito coma o do deporte, asociado a valores positivos e que ocupa moitas horas de actividade dos nosos rapaces e rapazas”.
Trátase da segunda edición da serie Os Bolechas deportistas, coa que os personaxes creados polo ilustrador Pepe Carreiro dan a coñecer diferentes disciplinas de hábitos saudábeis de lecer e promoven o uso da lingua galega durante a súa práctica. A través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias ao pé da rúa, os Bolechas viaxarán por toda a xeografía galega coas súas aventuras, que os levarán a construír unha máquina coa que practicar os deportes do pasado, presente e futuro.
A xira comezará este venres 23 ás 12.00 horas na avenida do Malecón, en Ribeira, e pasará durante os próximos meses por: Chantada (praza de España) o 24 de xuño, Barreiros (praza do Concello) o 7 de xullo, Campo Lameiro (praza do Concello) o 8 de xullo, Vilanova de Arousa (praza dos Olmos) o 9 de xullo, Castro Caldelas (praza do Prado) o 15 de xullo, Boqueixón (Carballeira de Rodiño) o 16 de xullo, O Pereiro do Aguiar (CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey) o 21 de xullo, Quiroga (praza da rúa Lago) o 21 de xullo, Frades (Campo da festa de Galegos) o 25 de xullo, Mondariz (praza de España) o 29 de xullo, Ares (Parque Rosalía de Castro) o 30 de xullo, Baiona (praza do Concello) o 1 de agosto, Bande (praza da Constitución) o 4 de agosto e A Pobra de Trives (praza do Reloxo) o 5 de agosto.
As datas e as horas exactas poden consultarse como de costume no Portal da Lingua Galega, a web que aglutina e centraliza a actividade autonómica de promoción lingüística.
55 pases para os próximos meses
Esta actividade enmárcase na programación de verán do FalaRedes 2023, que ten previstos para os próximos meses 55 pases de actividades tales como espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición para distribuír entre distintos concellos e agrupacións membros da Rede de Dinamización Lingüística.
Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, “son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo nela”, segundo explicou o secretario xeral Valentín García.