No outono Levi’s venderá unha cazadora con tecnoloxía de Google

luns, 13 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Normalmente cando falarmos de tecnoloxía wearable referímonos a reloxos conectados ou pulseiras que fan un seguimento da nosa actividade física, pero dende Levi’s quixeron ser máis literais e, coa axuda de Google, fabricar auténtica tecnoloxía para vestir, e así levan uns anos traballando no proxecto Jacquard, que está a desenvolver tecidos cos que poida interactuarse de xeito táctil ao introducir nos mesmos fíos condutivos nos que se mestura unha delgada aliaxe metálica con fíos sintéticos e naturais (algodón, poliéster ou seda) para conseguir un tecido co que poidan traballar os teares industriais.
A estes novos materiais hai tamén que integrarlle elementos de electrónica (luces LED, sistemas de Bluetooth, sensores táctiles...) do xeito máis discreto posible, e logo facer funcionar todo xunto para dar pé a prendas de roupa conectadas que poida ser de utilidade (para o que tamén hai que desenvolver software e servizos na nube).
Nesta liña Levi’s entendeu que a roupa vaqueira podería servir para aplicar con fortuna estes avances, e está a preparar unha versión da súa cazadora Commuter Trucker Jacket, deseñada coa vista posta nos usuarios urbanos de bicicletas, que con esta nova prenda conectada poderían ampliar a súa experiencia móbil e así gozar de servizos como a música ou os mapas, directamente dende a súa cazadora, solucionando así a dificultade de empregar o smartphone mentres se monta en bicicleta.
Até o momento esta tecnoloxía estaba en fase de concepto, pero agora Google e Levi’s xa están a presentala aos medios, xa que a cazadora con tecnoloxía de Google ten previsto ver a luz este mesmo outono a un prezo de 350 dólares, o que supón un prezo bastante superior á versión ordinaria da cazadora, pero será unha interesante proba para un produto innovador que deixaranos ver as posibilidades que abrirán os novos tecidos de cara a facilitarnos o emprego da tecnoloxía en case calquera momento e lugar.

Vídeo de presentación da cazadora de Levi’s coa tecnoloxía Jacquard de Google

PUBLICIDADE