No outono de 2017 verá a luz Red Dead Redemption 2

martes, 18 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Non hai dúbida en que Rockstar Games é un dos mellores estudio de videoxogos do mundo, con xogos que conseguen manterse nos primeiros postos das listaxes de vendas durante moitos meses, e chegan incluso a manter a usuarios gozando dos mesmos durante anos, e aínda que a súa franquía estrela sexa Grand Theft Auto, o público estaba pedindo a berros unha secuela do seu magnífico western titulado Red Dead Redemption, e finalmente os seus rogos foron escoitados e veñen de confirmar na súa páxina web oficial que Red Dead Redemption 2 verá a luz no outono de 2017.
Este grande anuncio de Rockstar promete unha historia épica sobre a vida do desapiadado corazón de América, pero inclúe detalles moi interesantes como que o vindeiro xoves ás 17:00 horas estrearán un tráiler do novo xogo, que polo momento só ten confirmadas versións para Xbox One e PlayStation 4 e que, na liña do que aconteceu con Grand Theft Auto V, contará tamén cunha experiencia multixogador en liña totalmente nova.

PUBLICIDADE