No outono teremos lámpadas Philips Hue con Bluetooth

xoves, 27 de xuño do 2019 Marcus Fernández

As lámpadas conectadas Philips Hue son probablemente un dos produtos máis habituais para introducirse no mundo da domótica, ao ofrecer unha solución doada e moi completa que facilita xestionar a iluminación do fogar mediante a programación de regras, o uso de aplicacións móbiles e incluso ordes a través de asistentes de voz, pero esta solución ten un pequeno elemento que dificulta lixeiramente a súa integración doméstica: o uso dun bridge que conecta a plataforma domótica á Rede.
Para simplificar a configuración actual veñen de presentar unha nova serie de produtos da familia Philips Hue que, aparte de poder funcionar a través dun bridge, tamén son capaces de operar por Bluetooth, de xeito que para empregar unha lámpada Philips Hue chegaría con enroscala e abrir a aplicación móbil da marca para poder configurar e controlar as lámpadas.
Esta solución permite prender e apagar lámpadas, axustar a súa liminosidade e cor, definir ambientes en función do noso estado diario ou dos nosos hábitos e incluso permitir que cada persoa do fogar poidan ter un control personalizado das lámpadas.
No caso de contar con dispositivos Amazon Echo (con Alexa) o control das novas lámpadas será moi doado, xa que os propios Echo son quen de descubrir e comunicarse coas lámpadas Philips Hue para que o usuario as controle mediante a voz, mentres que con dispositivos que integren o asistente de Google haberá que agardar a que incorporen o soporte de Bluetooth para as lámpadas (funcionalidade que espérase que reciban en breve).
Cómpre detallar que, aínda que as novas lámpadas poidan prescindir dun bridge, a súa utilización é moi convinte, xa que deste xeito conséguese un maior control sobre os dispositivos conectados, podendo incluso controlalos en remoto.
Os produtos Philips Hue con Bluetooth sairán á venda en EE.UU. e Canadá o vindeiro 2 de xullo, mentres que en Europa teremos que agardar até o outono, cando chegarán ás lámpadas con Bluetooth a un prezo 19,95 euros as lámpadas brancas, 29,95 euros as lámpadas brancas con temperatura de cor axustable e 59,95 euros as lámpadas regulables en cor.

Vídeo no que explican a configuración das novas lámpadas Philips Hue con dispositivos Amazon Echo

PUBLICIDADE