No último medio ano X perdeu 11 millóns de usuarios na UE
mércores, 30 de abril do 2025
- Usuarios mensuais activos en X na UE reflectivos nos informes de transparencia da compañía (gráfico elaborado por SocialMediaToday).
X perdeu o 10,5 % dos seus usuarios activos na Unión Europea nos últimos seis meses, o que supón unha caída de 11 millóns de usuarios activas, segundo datos publicados esta semana, xusto antes de rematar o prazo marcado pola Lei de Servizos Dixitais da UE.
A caída de usuarios na UE é especialmente significativa en Francia, onde a plataforma perdeu 2,7 millóns de contas, seguida de Polonia (–1,8 millóns), Alemaña (–1,3 millóns) e España (–1 millón). En termos relativos, destacan Lituania e Luxemburgo, cun descenso do 25 %, e Polonia, cun 20 % menos de usuarios.
A publicación tardía destes datos oficiais suxire que a empresa, propiedade de Elon Musk, puido estar a atrasar a súa difusión debido ao impacto negativo que representan. A diminución do uso en rexións nas que está obrigada a presentar cifras verificables contrasta coas afirmacións do empresario, que asegura que X está a medrar globalmente.
En xullo de 2023, Musk informou de que X tiña 570 millóns de usuarios activos mensuais. En abril deste ano, elevou esa cifra a 600 millóns ao anunciar que a plataforma sería adquirida pola súa empresa de intelixencia artificial, xAI. Porén, os datos oficiais na UE parecen desmentir esta narrativa de crecemento.
A perda de usuarios non se limita ao ámbito europeo. No Reino Unido, por exemplo, tamén se produciron descensos tras unhas polémicas declaracións de Musk nas que falaba dunha “guerra civil inevitable”. A empresa mantén, desde novembro de 2022, a mesma cifra de 250 millóns de usuarios activos diarios, o que reforza a percepción de estancamento ou retroceso.
Ao tratarse dunha empresa privada, X non está obrigada a publicar datos globais fóra da UE. Porén, a tendencia europea suxire que a plataforma podería estar a experimentar un retroceso máis amplo do que admite publicamente.
O impacto desta perda de usuarios pon en cuestión a viabilidade de X como ferramenta de difusión informativa e como espazo relevante no ecosistema dixital global. A transparencia, o cumprimento regulador e a fiabilidade das cifras divulgadas pola compañía volven estar no foco da crítica.