Noia acolle o 11 de xullo unha xornada sobre as luces e sombras da Intelixencia Artificial

venres, 5 de xullo do 2024 S. P.

Este verán, o Campus do Emprendemento e do Saber de Noia (iniciativa da FUNDEHSGA e o Concello, a través da Concellería de Educación) vai organizar unha xornada de gran interese sobre Intelixencia Artificial: sobre as posibilidades de desenvolvemento e investigación das tecnoloxías IA (con mancheas de aplicacións prácticas para o noso día a día, que podemos ver e das que tirar xa o máximo proveito) e, tamén, sobre os riscos que implica un mal uso destas ferramentas. A xornada desenvolverase baixo o epígrafe Intelixencia Artificial: luces e sombras que hai que iluminar.
Os relatores serán Senén Barro, director científico do centro CiTIUS da USC, Marta Núñez, enxeñeira de Telecomunicacións, Paula López, directora adxunta do CiTIUS, e Alberto J. Bugarín, catedrático ce Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial.
A cita será o vindeiro xoves 11 de xullo, ás 10.00 horas no Casino de Noia.
As inscricións poden facerse na conta de correo educacionnoia@gmail.com indicando nome, teléfono e profesión.
A Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (FUNDEHSGA) é unha organización de interese galego, sen ánimo de lucro, que nace cun carácter educativo, cultural e social.