Noia e Boiro lideran as vendas do programa MercaNaVila da Deputación na provincia
martes, 4 de novembro do 2025
O programa MercaNaVila e a súa plataforma Mercanavila.gal, recursos impulsados pola Deputación da Coruña para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes, continúa a consolidarse como un éxito en toda a provincia e tamén na comarca do Barbanza. Segundo o último balance, con datos actualizados este 4 de novembro, o programa acumula 56.662 bonos descargados, máis de 75.000 operacións realizadas e un volume total de 4.254.685 euros mobilizados en vendas.
Na comarca do Barbanza, destacan especialmente os resultados de Noia e Boiro, situados entre os concellos máis dinámicos da provincia. Noia rexistrou 7.367 operacións cos descontos de MercaNaVila e vendas por un total de 451.506,51 euros, o que representa o 9,76 % do total provincial. Boiro alcanzou 6.556 operacións e 380.476,11 euros en vendas, equivalentes ao 8,69 % do total. Ambos municipios lideran as vendas en toda a provincia.
A continuación sitúanse A Pobra do Caramiñal, 2.424 operacións e 135.128,90 euros, e Rianxo, con 1.251 operacións e 69.126,26 euros, seguidos por Outes (42.164,34 euros), Muros (39.590,52 euros), Lousame (13.739,19 euros), Porto do Son (9.246,82 euros) e Carnota (8.371,95 euros).
En conxunto, os once concellos de menos de 20.000 habitantes de Barbanza —Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Rianxo — suman máis de 1,1 millóns de euros en vendas, o que representa arredor do 26,8 % do total provincial (4,25 millóns de euros), segundo se fai saber no balance da Deputación.
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou que “o programa MercaNaVila está a demostrar a forza do pequeno comercio como motor de desenvolvemento económico e social nos nosos concellos, xerando actividade, emprego e cohesión territorial. As cifras estannos mostrando que cada vez son máis os comercios que se suman á campaña e os consumidores que usan os descontos de MercaNavila para realizar as súas compras”.
O programa MercaNaVila conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, destinados a fomentar as vendas nos pequenos establecementos e incentivar o consumo nos núcleos rurais e urbanos de menor tamaño, contribuíndo así a fixar poboación e emprego.
A campaña permite que calquera persoa poida descargar no seu dispositivo tecnolóxico os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non é preciso vivir nun concello pequeno: os bonos poden descargarse tamén dende as cidades e grandes vilas, pero as compras deben realizarse sempre nas 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é “facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes”, explica a Deputación.
A través da plataforma web oficial as persoas usuarias facerse de balde cos seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.
O prazo para usar os bonos MercaNavVila remata o 20 de novembro.
A Deputación e a Federación Galega de Comercio coinciden en sinalar que o éxito da campaña “é un reflexo da confianza cidadá neste modelo de apoio directo ao comercio local”.
O programa tamén está a recibir unha valoración moi positiva por parte das asociacións de comerciantes, que destacan “o incremento de visitas e vendas durante esta campaña”, que se estende ata o 20 de novembro.
