Noia e Boiro lideraron as vendas de Mercanavila.gal, con máis de 3 millóns de euros en vendas
martes, 30 de decembro do 2025
Os comercios de Noia e Boiro encabezaron as vendas do programa de dinamización do comercio local MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña xunto coa súa plataforma Mercanavila.gal, que serviu de punto de encontro, faciana visible e ferramenta de xestión. Entre ambos municipios superáronse os 3 millóns de euros en vendas, o que supón máis de dous terzos do total rexistrado na comarca do Barbanza.
Así o destacou a deputada de Emprego, Rosa Ana García, durante a súa visita este martes 30 de decembro a establecementos comerciais de Boiro e Noia para coñecer de primeira man as impresións do sector e facer balance da campaña.
Segundo os datos do programa, os comercios de Noia foron os que rexistraron o maior volume de vendas tanto na provincia como na comarca, cun total de 1.780.120,57 euros, o que representa o 38,2 % das vendas totais dos concellos de Barbanza e máis do 11 % do total provincial. Ademais, liderou tamén o volume de descontos aplicados, con 377.575 euros, o 37,7 % do total comarcal.
Pola súa banda, os comercios locais de Boiro ocuparon a segunda posición, cun volume de vendas de 1.314.474,22 euros, o 28,2 % do total da comarca e máis do 8 % do total da provincia, acompañado de 273.030 euros en descontos.
No conxunto da comarca do Barbanza, MercaNaVila acadou o 29% do total de vendas na provincia, con 4,66 millóns de euros, cun impacto directo tanto para o comercio de proximidade como para as economías familiares, xa que os descontos asociados ao programa superaron o millón de euros.
Durante a xornada, a deputada de Emprego visitou en Boiro, acompañada polo alcalde José Ramón Romero, o establecemento Cenor Otero, e posteriormente desprazouse a Noia, onde ás 13.00 horas, xunto ao alcalde Francisco Pérez, visitou as tendas Dequip Deportes Hermida e Tucho.
A responsable de Cenor Otero en Boiro, Ramona Otero, destacou que “a campaña foi un éxito rotundo, que coincidiu coa época do Black Friday e antes do Nadal, cun desconto moi apetecible para o consumidor. Esperamos que sexa a primeira de moitas máis porque é unha iniciativa moi importante para que as vendas por Internet e as grandes superficies non acaben co comercio de proximidade, que é fundamental para dinamizar os nosos pobos”.
Rosa Ana García destacou o éxito do programa en Barbanza afirmando que “MercaNaVila tivo unha gran acollida e un impacto importante no comercio local da comarca do Barbanza, e singularmente en Noia e Boiro, que contaron cunha gran implicación dos comercios e rexistraron o récord de vendas tanto a nivel provincial como comarcal”, apuntou.
“Os datos confirman que MercaNaVila é unha ferramenta eficaz para reforzar o comercio local, incentivar o consumo de proximidade e xerar actividade económica nos concellos”, afirmou a deputada de Emprego, que anunciou que a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Comercio traballan xa no deseño da campaña MercaNaVila 2026, que será aínda máis ambiciosa.
Nos dispositivos tecnolóxicos
O programa MercaNaVila contou cun orzamento total de 6 millóns de euros.
A campaña permitiu que calquera persoa puidese descargar no seu dispositivo tecnolóxico os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non foi preciso vivir nun concello pequeno: os bonos puideron descargarse tamén dende as cidades e grandes vilas, pero as compras debían realizarse sempre nas 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
Cada bono MercaNaVila permitiu descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo foi “facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes”, explicou a Deputación.
A través da plataforma web oficial as persoas usuarias fixéronse de balde cos seus bonos, consultaron os comercios adheridos e localizaron os establecementos máis próximos por concello ou sector.
