Noia habilita dez códigos QR para mostrar os tesouros locais nos nosos móbiles
martes, 11 de xuño do 2024
Turismo de Noia deu un novo paso na transformación tecnolóxica das experiencias que se poñen a disposición das persoas visitantes e, tamén, das residentes. En concreto, a Concellería de Turismo habilitou un sistema de novos códigos QR para amplificar a información (textual e gráfica) sobre o seu patrimonio histórico nos dispositivos móbiles.
O servizo inclúe audioguías en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés. Poden descargarse a través de códigos QR instalados en espazos sobranceiros da vila. Na estrea da iniciativa habilitáronse códigos nunha decena de recantos do centro histórico. Nunha seguinte fase de desenvolvemento ampliarase o número de recursos abranguendo máis zonas de Noia alén da zona antiga, por exemplo a Cova da Moura a Central do Tambre. Os detalles do sistema foron dados a coñecer esta semana polo concelleiro Pepe Pérez, que explicou que entre os espazos referenciados atópanse a Casa do Concello, as igrexas de Santa María a Nova e San Martiño, o Coliseo Noela ou o Casino.