Noia porá en Galiciana máis de 53.000 documentos locais dixitalizados

xoves, 22 de setembro do 2022 S. P.

O Concello de Noia achegou estes días un novo balance sobre os traballos de dixitalización do Arquivo Municipal, uns traballos que foron levados a cabo pola empresa Reproutlet (Unayta), consultora tecnolóxica de Ames centrada na transformación dixital. Segundo informou a área de Cultura de Noia que dirixe José Pérez, os documentos tratados serán accesíbeis aos cidadáns a través da súa importación aos repositorios do Arquivo Dixital de Galicia (Galiciana). Nestes acubillos estarán dispoñíbeis para a súa consulta até 53.228 páxinas dixitalizadas, que abranguen (e ilustran) a historia local dende 1559 a 1965.
Os traballos consistiron nunha captura dixital do fondo histórico do Concello de Noia así como tamén de asignación de metadatos para conseguir que estas imaxes dixitalizadas puidesen envorcarse aos repositorios Galiciana e “achegar deste xeito unha difusión maior de todo o patrimonio documental”, explicou a empresa no seu día, engadindo que o obxectivo foi “garantir a conservación dos documentos que se viñan atopando en moitos lugares maltratados, tanto polo ambiente ao que foron sometidos como polo propio espazo”. Outro dos obxectivos foi avanzar en transparencia e no acceso á información documental.
No feixe de documentos tratados hai dende planos municipais até datos do padrón, pasando por rexistros de obras e urbanismo.

PUBLICIDADE