Nokia amplía a súa familia de móbiles Touch and Type

mércores, 15 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Continuando coa celebración do Nokia World 2010 dáse a coñecer o móbil Nokia C3 Touch and Type, que segue os pasos do X3 ao contar unha interface de control híbrida ao combinar unha pantalla táctil de 2,4 polgadas cun teclado alfanumérico baixo a mesma. O terminal funciona co sistema operativo Series 40 (con acceso á Ovi Store e software para facilitar o acceso a Facebook e Twitter), ten conectividade 3G e Wi-Fi, cámara de 5 Mpíxeles con flash, radio FM, lector de tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb, unhas medidas de 111 x 47,5 x 11 milímetros e 100 gramos de peso, chegando ao mercado no último trimestre do ano por 145 euros (libre).
Este terminal ten unha carcasa de aceiro inoxidable e sería bastante atinado para un público que queira móbiles con boas prestacións, pero sen as esixencias dun dispositivo de alta gama, de xeito que carece de funcións coma o GPS, pero resulta igualmente atractivo, especialmente para mercados emerxentes nos que Nokia está a acadar un importante peso nas vendas, especialmente grazas a un importante catálogo de móbiles económicos que en moitos casos suman multitude de funcionalidades por un prezo moi axustado.


Vídeo de presentación do novo móbil da familia Touch and Type

PUBLICIDADE