Nokia ofrece un móbil básico con cámara por só 29 dólares

luns, 16 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que Nokia estea a centrar os seus esforzos en recuperar mercado no segmento dos smartphones, non esquece os móbiles máis básicos, onde continúa a ser unha empresa líder, e dentro desta gama anuncia hoxe o Nokia 108 en versións con 1 ou 2 tarxetas SIM, que presume de ser un móbil con cámara ultra-asumible. O obxectivo deste terminal é ofrecer unha cámara bastante básica (0,3 Mpíxeles) en mercados emerxentes, pois o móbil en cuestión terá un prezo de venda dos 29 dólares (21,73 euros).
Ao ter un prezo tan axustado, este terminal tamén busca servir como móbil de respaldo ou como móbil secundario, de xeito que moitos usuarios poderían optar por levalo durante as súas vacacións ou durante a práctica deportiva. Este terminal 2G ten unha pantalla de 1,8 polgadas, acepta tarxetas microSD de ata 32 Gb, ten sintonizador de radio FM, Bluetooth 3.0 con SLAM, conector para auriculares, un grosor de 13,5 milímetros, un peso de 70,2 gramos e unha autonomía de ata 31 días en espera e ata 13,8 horas en conversa (ou 45 horas de reprodución musical). Ofrecerase inicialmente con carcasas en vermello, branco ou negro, chegando máis adiante en amarelo e azul ceo.


Vídeo de presentación da versión con dobre SIM do Nokia 108

PUBLICIDADE