Nokia pagará 170 millóns de euros por Withings
martes, 26 de abril do 2016- Cédric Hutchings (Withings) e Ramzi Haidamus (Nokia) na sinatura do acordo de adquisición de Withings por parte de Nokia
A finlandesa Nokia
anunciou hoxe os seus plans de adquisición da compañía francesa Withings,
empresa de referencia no sector dos trebellos de saúde conectados (no seu
catálogo hai dende tensiómetros, termómetros e pulseiras de actividade, até
básculas con Wi-Fi), deixando claro que Nokia está a buscar un novo camiño para
labrarse un futuro tras o fracaso do seu negocio móbil (vendido a Microsoft e
case desmantelado actualmente).
O director xeral de Withings, Cédric Hutchings, asegurou que “dende que
comezamos Withings a nosa paixón foi facilitar que a xente leve conta do seu estilo
de vida e mellore a súa saúde e benestar” e considera que a súa integración en
Nokia pode contribuír a tal obxectivo. Na mesma liña o presidente de Nokia
Technologies, Ramzi Haidamus, asegura que os produtos e profesionais de
Withings poden achegar a que Nokia conquiste unha posición no mercado que
permítalle “liderar a vindeira onda de innovación na saúde dixital”.
A operación de adquisición por parte de Nokia está previsto que se complete a
primeiros do terceiro trimestre do ano por 170 millóns de euros en efectivo,
estando pendente a compra ás autorizacións das entidades reguladoras
pertinentes.