Nokia prepara unha serie de móbiles económicos

xoves, 3 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Pensando en mercados emerxentes Nokia prepara unha nova serie de móbiles económicos (entre 30 e 45 euros) que destacan especialmente por contar cun modelo Dual SIM, ou sexa, que pode operar con dúas tarxetas SIM de xeito simultáneo, o que resulta útil tanto para que queira combinar dúas liñas (a persoas e a profesional) nun único terminal, como para a xente viaxeira (empregando o móbil co que teña cobertura en cada zona ou do país no que se está en cada momento, o que en Galicia agradecerían moitos raianos).
Ata o momento a meirande parte dos fabricantes serios néganse a incorporar dúas tarxetas SIM nos seus terminais, porque dese xeito non contarían co apoio de operadores de telefonía na súa distribución, e un dos poucos grandes fabricantes en ter modelos Dual SIM sería Samsung, pero que Nokia entre neste negocio demostra que existe unha demanda real deste tipo de produtos, e negalo só leva a que o público teña que optar pola competencia.
Para deixar claro o mercado ao que vai dirixida a Serie C de Nokia, estes novos terminais presentáronse en Nairobi (Kenya), que parte do Nokia C1, un terminal que custa a partir de 30 euros, conta cunha autonomía en espera de ata 6 semanas, modo lanterna, e estará dispoñible en 3 sabores: o C1-00 (con Dual SIM) e os C1-01 e C1-02 (para unha única SIM e con lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb para almacenar contidos multimedia). O Nokia C1-01 destaca sobre o C1-02 por integrar unha cámara capaz de captar imaxes e vídeo (aínda que cunha resolución moi reducida). Chegarán ao mercado no comezo do último trimestre do ano.
O Nokia C2-00 é un móbil Dual SIM que conta con lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb e radio FM. O seu prezo será de 45 euros. Chegará ao mercado a finais de ano.
Estes novos terminais de baixo custo poderán gozar dun accesorio que sorprendeu a moitos, e que é o Nokia Bicycle Charger Kit, que non é máis que unha dínamo para a bicicleta que en vez de alimentar unha luz frontal serve para cargar o móbil (e é compatible para a meirande dos terminais de Nokia). O dispositivo custará 15 euros e pedalando durante 10 minutos a uns 10 quilómetros por hora pode producirse enerxía coma para facer 28 minutos ou manter o móbil 37 horas en espera.

PUBLICIDADE