Nokia prepara unha tableta de 8 polgadas

martes, 12 de xullo do 2022 Marcus Fernández

O ano pasado Nokia volvía ao mercado das tabletas grazas ao seu actual propietario, HMD Global, coa interesante Nokia T20, que coas súas 10,4 polgadas quería facerse un oco nun mercado que parece estar recuperándose: o das tabletas con Android.
Agora o mesmo fabricante volve á carga cunha nova tableta, a Nokia T10, que aposta por unha pantalla HD de 8 polgadas, deixando claro que estamos ante un produto máis modesto, que terá un prezo de 169 euros con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento e 189,99 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento.
Esta tableta que funciona cun procesador Unisoc T606 está equipada con 3/4 GB de RAM, pode ampliar o seu almacenamento con tarxetas microSD de até 512 GB, ten unha cámara traseira de 8 Mpíxeles con flash e unha cámara frontal de 2 Mpíxeles, conectividade Bluetooth 5.0, toma para auriculares, altofalantes estéreo, GPS, carga rápida de 10 watts por USB-C, conectividade 4G e un deseño feito para ser resistente.
Funciona con Android 12, promete 3 anos de actualizacións de seguridade, inclúe función para converter a tableta nunha pantalla adicional dun PC e, grazas ao seu grosor de 9 milímetros e ao seu peso de 375 gramos podemos considerala unha tableta moi atractiva para o seu uso en mobilidade.
Iniciará a súa comercialización europea o vindeiro 27 de xullo.

Vídeo promocional da Nokia T10

PUBLICIDADE