Nokia presenta as súas novidades para os vindeiros meses

martes, 22 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A compañía finlandesa Nokia está a dar un salto de xigante durante a celebración da Nokia World en Abu Dhabi, evento no que non so presenta numerosos produtos baseados nos sistemas operativos de Microsoft, senón que tamén dá a coñecer o próximo lanzamento de moitas aplicacións móbiles que estaban ausentes en Windows Phone 8, o que supón a superación dunha das principais barreiras que atopaban algúns usuarios á hora de apostar por dispositivos da familia Lumia.

Nokia Lumia 2520


Nokia atrévese a entrar no mercado dos tablets, algo que pode resultar rechamante se lembramos que Microsoft xa ten os seus Surface, pero desta volta a compañía finlandesa limítase á gama con Windows RT 8.1, vestindo o seu dispositivo coa aparencia propia da familia Lumia.
O Nokia Lumia 2520 é un atractivo tablet con pantalla IPS Full HD de 10,1 polgadas (con Gorilla Glass 2), procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámaras de 6,7 e 2 Mpíxeles, altofalantes frontais estéreo, Bluetooth 4.0 LE, USB 3.0, conectividade 4G, batería de 8.000 mAh (capaz de cargarse ao 80% en só 1 hora), un grosor de 8,9 milímetros e un peso de 615 gramos e que poderá acompañarse polo Nokia Power Keyboard, que engade teclado, touchpad, 2 portos USB e unha batería que mellora a autonomía do tablet nunhas 5 horas.
O tablet non só funciona con Windows RT 8.1, senón que tamén inclúe Microsoft Outlook e Office, resultando unha boa solución para a produtividade. Venderase en vermello, azul ceo, branco e negro a un prezo de 499 dólares, chegando inicialmente a EE.UU., Reino Unido e Finlandia.


O Nokia Lumia 2520 visto en vídeo

Nokia Lumia 1520 e 1320


Tras saberse que Windows Phone 8 Update 3 ía contar con soporte para pantallas cunha resolución Full HD parecía claro que íamos ver cedo tabletófonos co sistema operativo de Microsoft, e finalmente os temos aquí. Comezan polo Nokia Lumia 1520, un smartphone cunha pantalla Full HD de 6 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb) e unha impresionante cámara de 20 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe, que pretende ser un achegamento contido ao Nokia Lumia 1020.


O novo tabletófono de Nokia visto en vivo

Este enorme teléfono ten un grosor de só 8,7 milímetros, pesa 209 gramos e alberga unha batería de 3.400 mAh. Sairá á venda en branco, amarelo, vermello e negro, e será un novo integrante da máis alta gama de Nokia, mentres que para petos máis modestos ofrecerase o Nokia Lumia 1320, que repite o seu tamaño de pantalla, pero limitando a súa resolución a 1.280 x 720 píxeles.
Tamén reduce outras prestacións: conta cun procesador Qualcomm Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1,7 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno e unha cámara traseira de 5 Mpíxeles. Viría a ser como un dos actuais terminais de gama media da familia Lumia cunha pantalla de grande tamaño.
A diferenza de prezo entre ambos terminais será notable, de xeito que o prezo de referencia do Lumia 1520 é de 749 dólares, mentres que o Lumia 1320 custaría só 339 dólares. Chegarán ao mercado a primeiros de 2014.

Asha 500, 502 e 503


Pero non todo foi presentar hardware co sistema operativo de Microsoft, senón que a familia Asha tamén tivo o seu momento no Nokia World, e estes terminais de baixa gama orientados a mercados emerxentes por ofrecer prestacións de smartphone a un prezo moi axustado incorporan 3 novos dispositivos, os Asha 500, 502 e 503, dispoñibles en modelos con 1 ou 2 SIM (agás o 502, que só se venderá con dobre SIM) e que nun tamaño e peso contidos (superan por pouco os 100 gramos de peso), pantallas pequenas (entre 2,8 e 3 polgadas), cámaras modestas (2 e 5 Mpíxeles segundo o modelo), 64 Mb de RAM, almacenamento masivo baseado en tarxetas microSD de ata 32 Gb, Bluetooth 3.0 e baterías que superan as 12 horas de conversa en autonomía.
O máis sorprendente destes terminais é que teñen prezos de 69, 89 e 99 dólares respectivamente, o que non impiden que poidan acceder ás nosas redes sociais favoritas e incluso gozar de WhatsApp, polo que son dispositivos ideais para os que non se queiran complicar cun sistema operativo móbil como Android ou Windows Phone, e busquen ter as funcionalidades básicas para un mundo conectado a un prezo asumible.

Aplicacións de terceiros


Pero o máis destacable da Nokia World para moitos foi o festival de aplicacións no que se converteu o evento, servindo para anunciar numerosos xogos que estarán dispoñibles para os dispositivos Lumia, e outras grandes aplicacións que estaban ausentes no sistema operativo de Microsoft como Flipboard, InNote, Instagram, Vine, ao que sumouse a estrea das chamadas de voz a través de LINE para Windows Phone 8.

PUBLICIDADE