Nokia supera en cota de mercado a fabricantes como HTC ou Sony

martes, 13 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Dende que HMD Global colleu o temón da marca Nokia apostou por ofrecer unha serie de smartphones coa versión máis pura posible de Android, de xeito que, xunto con Motorola, ofrecería unha das experiencias de uso máis semellantes ás dos móbiles das familias Nexus/Pixel, pero cun éxito de vendas mellor do que algúns podían esperar, se atendemos a declaracións de Neil Shah, quen sostén que no último trimestre de 2017 os smartphones da marca Nokia superaron en vendas a marcas recoñecidas como HTC, Sony, Google, Alcatel, Lenovo, OnePlus, Gionee, Meizu, Coolpad e Asus.
Pese aos bos resultados, Nokia non conseguiría entrar no Top 10 de fabricantes de smartphones, conformándose cunha 11ª posición con 4,4 millóns de unidades vendidas no cuarto trimestre do ano, o que non estaría nada mal se temos en conta que superaría sobradamente os 3 millóns de unidades que a familia Google Pixel vendeu en todo o ano. Iso si, en Reino Unido foi quen de colocarse como o terceiro fabricante de smartphones, e en mercados como Rusia, Vietnam e boa parte dos países de Oriente Próximo conseguiron situarse entre os 5 primeiros fabricantes en cota de mercado.
A progresión de Nokia está a ser moi boa, pero quédalle moito traballo para achegarse a fabricantes como Huawei ou Samsung, e incluso ás cifras de vendas que a propia Nokia manexaba durante a época na que estaba aliada con Microsoft para ser a locomotora de Windows Phone (hai 4 anos venderan 10,5 millóns de móbiles Lumia).

PUBLICIDADE