Non aceptar as novas condicións de WhatsApp limitará o funcionamento da aplicación

luns, 10 de maio do 2021 Marcus Fernández

A primeiros de ano WhatsApp anunciou cambios nas súas normas de uso, que basicamente non afectaban aos cidadáns europeos, e ante a confusión provocada decidiron adiar as novas condicións do 8 de febreiro até o 15 de maio, medida coa que pretendían ter tempo para ir explicando detalladamente os cambios que querían realizar para que os usuarios mantivesen a confianza no servizo.
Pese a que nos últimos días houbo numerosos medios de comunicación que publicaron que WhatsApp botárase atrás nas súas pretensións, nada máis lonxe da realidade, e o que simplemente están a facer é que a entrada en vigor das novas normas sexan o máis suave posible.
Nas últimas semanas os usuarios que aínda non aceptaron as novas condicións están a recibir notificacións advertindo de que deben aceptar as novas normas para poder seguir empregando WhatsApp con normalidade e, quen nos vindeiros días non acepte os cambios nas condicións do servizo pasarán a ter o recordatorio de xeito persistente, o que limitará as funcións de WhatsApp até que se acepten as novas condicións, aínda que advirten que esta medida non se aplicará simultaneamente a todos os usuarios.
Deste xeito, os usuarios que non acepten as novas condicións do servizo non poderán acceder á listaxe de chatas, aínda que si responder chamadas e videochamadas. De ter activadas as notificacións tamén poderán ler ou responder mensaxes (ou devolver chamadas ou videochamadas perdidas). Pero estas limitacións serán unha simple medida temporal, que durará unhas poucas semanas sen determinar, tras as que xa non recibirán nin chamadas nin notificacións, ou sexa, que deixarán de poder usar WhatsApp completamente.
A conta de usuario de WhatsApp non se borrará automaticamente no caso de bloquear o acceso á aplicación, de xeito que quen realmente desexe abandonar WhatsApp definitivamente debería solicitar a eliminación da súa conta dende a aplicación, mecanismo que borraría o historial de mensaxes e as copias de seguridade, así como eliminaría a conta de todos os grupos de WhatsApp, de xeito que de querer volver a empregarse a aplicación habería que comezar de cero.

PUBLICIDADE