Non será obrigatorio usar unha conta de PSN para gozar dos xogos de PlayStation Studios en PC

mércores, 29 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Co lanzamento de Helldivers 2 houbo unha grande polémica ao tentar impor aos usuarios do xogo para PC a vinculación da súa conta de Steam coa de PlayStation Network, levando a que finalmente PlayStation Studios retirase tal esixencia, pero comunicando que os futuros xogos da compañía, aínda que carecesen de elementos de xogo en liña, precisarían dunha conta de PlayStation Network para gozar dos mesmos en PC.
Esta situación continuaba a incomodar aos xogadores, e finalmente adoptaron unha postura máis flexible, de xeito que os xogos de PlayStation Studios para PC non esixirán unha conta de usuario de PlayStation Network, pero de contar coa mesma o xogador recibirá incentivos.
Os primeiros xogos en adaptarse a esta nova política serán Marvel’s Spider-Man 2 (que achegará traxes desbloqueables ao comezo do xogo para os usuarios de PSN), God of War Ragnarök (que ofrecerá o acceso á armadura do Oso Negro e un paquete de recursos), Horizon Zero Dawn Remastered (que facilitará o acceso ao traxe Campioa Nora) e The Last of Us Parte II Remastered (que verá a luz o 3 de abril e achegará aos subscritores 30 puntos adicionais e unha chaqueta de Jordan de Intergalactic: The Heretic Prophet como indumentaria para Ellie).
O inicio de sesión con conta de PlayStation Network tamén achega vantaxes como trofeos e xestión de amizadas, pero é totalmente comprensible que un xogador de PC que non teña contacto coas consolas de videoxogos rexeite a obriga de contar cunha conta de usuario nunha plataforma que pode considerar rival. De feito, resulta bastante sorprendente a torpeza de Sony no manexo desta situación, pois realizar imposicións a uns xogadores que queres fidelizar é unha política ilóxica.