NotebookLM amplía as opcións dos Resumos de audio

martes, 2 de setembro do 2025 Redacción

Google anunciou unha actualización de NotebookLM que amplía as opcións de Resumos de audio con tres novos formatos, pensados para complementar o estilo tipo podcast que ata agora era o máis popular.
A experiencia predeterminada segue a ser Información detallada, descrita como «unha animada conversa entre dous presentadores que analizan e conectan temas das túas fontes». A partir de agora súmanse tres modalidades máis: Breve, Crítica e Debate.
Breve consiste nun resumo moi curto, de entre un e dous minutos, pensado para captar de inmediato as ideas principais das fontes. Crítica adopta o formato de revisión experta, ofrecendo comentarios construtivos que axudan a mellorar o material. Debate, pola súa banda, propón unha discusión entre dous anfitrións que expoñen diferentes perspectivas sobre as fontes.
Estas novas opcións tamén dispoñibles ao premer na icona do lapis dentro da tarxeta de Resumos de audio xunto coas personalizacións xa existentes de idioma, duración e a dirección que debe tomar cada resumo (por exemplo, centrándose nun tema específico ou orientándose a unha audiencia).
Cómpre lembrar que estas funcións de resumos de audio están dispoñibles en múltiples idiomas entre os que non falla o galego, que tamén está dispoñible nos novos resumos de vídeo.