Notepad++ estrea versión nativa para macOS

martes, 28 de abril do 2026 Redacción

Notepad++, un dos editores de texto máis populares para Windows durante máis de dúas décadas, vén de aterrar oficialmente en macOS cunha versión nativa que abandona definitivamente Wine e calquera capa de compatibilidade. O proxecto, iniciado o 10 de marzo de 2026 e publicado ao público o 7 de abril coa versión 1.0.0, marca a primeira vez que o editor funciona como unha aplicación real de macOS, construída sobre Cocoa e distribuída como binario universal para Apple Silicon e Intel. A nova aplicación está asinada e notarizada por Apple, polo que pode instalarse sen advertencias de seguridade.
O proxecto está liderado polo desenvolvedor independente Andrey Letov, responsable de reescribir toda a capa de interface en Objective‑C++ e de coordinar o portado dos plugins, que agora se cargan como bibliotecas dinámicas nativas (.dylib). Mantense de forma aberta en GitHub e non está afiliado ao creador orixinal de Notepad++, Don Ho, aínda que segue de preto o código e as actualizacións do repositorio oficial grazas á licenza GPL v3.
O editor chega con soporte para Apple Silicon, arranques rápidos, baixo consumo de memoria e integración coas tecnoloxías de macOS, incluíndo fiestras nativas, diálogos do sistema, atallos estándar e renderizado Retina.
A versión para macOS non pretende competir con editores consolidados como BBEdit, Sublime Text ou Visual Studio Code, senón que simplemente achega unha ferramenta coa que moitos usuarios estaban afeitos en Windows, facilitando así o aproveitamento da memoria muscular e os fluxos de traballo en equipos de Apple.

ACTUALIZACIÓN (4-5-2026): Os responsables de Notepad++ emitiron un comunicado denunciando que a versión para macOS é unha aplicación falsa que viola a súa marca rexistrada.